O PP denuncia que só o 17% das licenzas resoltas en 2020 se concederon dentro do prazo legal

By 20 Abril, 2021Urbanismo

O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que o goberno local só concedeu nos 90 días de prazo que marca a lei 28 das 162 licenzas que se aprobaron dentro do casco urbano, o que é un síntoma claro dun goberno bloqueado e paralizado, que lastra a creación de emprego e o crecemento da cidade

Despois de que os concelleiros do Grupo Municipal Popular desvelaran os “alarmantes” datos sobre a concesión de licenzas de obra nas parroquias do rural, 684 días de media se tardou en resolver cada expediente en 2020, agora é a quenda das licenzas no eido urbano, onde o dato “non é tan alarmante, pero si preocupante”, xa que no 2020 se tardou unha media de 330 días en resolver cada expediente.

Antonio Ameijide amosouse moi preocupado despois de analizar estes datos aos que se engaden as revelacións feitas polo ex concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto, que asegurou que nese departamento hai graves problemas e que os diferentes planeamentos están paralizados.

Para o popular os datos sobre a resolución de licenzas unidos as confesións de Couto deixan un panorama “desolador” para a alcaldesa, que en vez de axilizar e desbloquear os expedientes de peticións de obras segue a perpetuar estes trámites.

No informe que elaborou o Grupo Municipal Popular deixa datos moi alarmantes, como que este goberno local o bigoberno  só conseguiu resolver 28 licenzas dentro do prazo legal establecido (90 días) das 162 que se concederon. “En todo o 2020 só resolveron en prazo o 17.28% das solicitudes de licenza dentro do casco urbano, se Lara Méndez segue a negar este feito ou segue sen ver un problema a realidade innegable é que se está a facer trampas ao solitario”, afirmou.

O popular analiza as licenzas segundo a súa finalidade e pode verse como ningún dos eidos avaliados cumpre coa lexislación vixente: resolver en 90 días. Datos que se poden comprobar na seguinte táboa:

Tipo de obra Media (en días) Prazo Máximo (en días) Importe medio Importe total
Ascensores 223 709 41.947,00 € 1.929.579,00 €
Edifico 475 1245 555.407,00 € 8.886.524,00 €
Obras 247 286 54.132,00 € 108.264,00 €
Reformas 339 1559 162.264,00 € 7.950.966,00 €
Tellados 824 1659 51.161,00 € 204.644,00 €

A realidade é que Lara Méndez está a poñer en risco numerosos postos de traballo, xa que a construción é un dos principais motores económicos da cidade, polo que o que está a facer a rexedora “é frustrar” as posibilidades de crecemento da cidade nun momento moi complicado, polo que é preciso “ter unha reacción inmediata”.

Neste punto, o popular destaca que tan só nas licencias concedidas polo Concello de Lugo durante o 2020 se xerou un volume de negocio de 23M€, un dato que é revelador, xa que se o goberno local se puxera a traballar para desatascar as licenzas que teñen en caixóns o volume de negocio sería moito maior. “Preguntamos á alcaldesa se nalgún momento se parou a pensar en que situación podería estar Lugo se deran celeridade á concesión de licenzas”, sinalou.

Ameijide esixe á rexedora a que inste ao novo responsable de Urbanismo a que tome cartas no asunto e solucione os problemas desta área, problemas que non son nada novo, xa que están enquistados dende hai máis de 20 anos, “todos de goberno socialista”, polo que se pode dicir que “este problema real e grave do Concello de Lugo leva o selo socialista”.

Leave a Reply

1 + 18 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies