O PP denuncia que na primeira metade do ano só o 18% das licenzas resoltas para a cidade se concederon en menos de 90 días

By 23 Agosto, 2021Urbanismo

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López lamenta que o goberno local so concedese dentro do prazo legal establecido, que é de 90 días, 20 das 111 licenzas aprobadas para o ámbito urbano nos primeiros seis meses do ano, un claro síntoma dun goberno bloqueado e paralizado no que as liortas internas xa propiciaron incluso a dimisión dun concelleiro

Semella que o goberno local liderado por Lara Méndez e Rubén Arroxo non aprende dos erros do pasado e lonxe de poñerse a traballar en prol da mellora da vida dos lucenses, seguen enfrascados na súa marcaxe persoal, con dimisións de concelleiros incluídas, paralizando a actividade municipal.

O concelleiro popular Manuel López fai esta reflexión despois de avaliar os datos obtidos das licenzas aprobadas nos primeiros seis meses do ano para o ámbito urbano, uns datos “desastrosos” que amosan ás claras “a falta de traballo dun equipo de goberno desgastado e superado pola realidade”.

Se Lara Méndez e Rubén Arroxo pecharon o ano 2020 situando o prazo medio para a resolución dunha licenza no eido urbano en 330 días de media, o inicio de 2021 non foi positivo, xa que nos primeiros seis meses do ano este dato disparouse ata os 420 días de media, “un dato que amosa claramente que o mellor é un relevo á fronte do goberno local”.

Manuel López amosouse moi preocupado despois de analizar estes datos, xunto aos que xa se fixeron públicos a semana pasada sobre o referente ás parroquias do rural, que amosan unha sintomatoloxía clara: “en Lugo temos un goberno que está a debullar un panorama desolador”.

Explica o concelleiro popular que todos estes datos referentes á resolución de licenzas obtivéronse das actas das xuntas de goberno local, polo que “a ver que escusa se sacan da manga agora tanto Méndez como Arroxo para tentar lavar a cara”.

Durante os primeiros seis meses do ano, no ámbito urbano, resolvéronse 111 solicitudes de licenza, das que so 20 se tramitaron dentro dos 90 días que marca a lei, é dicir, só o 18% das solicitudes de licenza resoltas durante os primeiros seis meses do ano cumpriron os prazos legais establecidos. Seguramente, o goberno local recupere a escusa de que son os particulares os que ralentizan a tramitación, circunstancia que aproveita o concelleiro popular para enviar unha pregunta directa ao equipo de goberno: “de verdade pensan que un particular que quere realizar unha obra vai a paralizar a súa petición?. Dicir iso é facerse trampas ao solitario”.

No informe elaborado polos populares hai datos reveladores como que, de media, ningún dos aspectos avaliados cumpre o prazo marcado na lei.

 

Tipo de obra Media (en días) Prazo Máximo (en días) Importe medio Importe total
Ascensores 182 660 51.284,46 € 974.404,73 €
Edifico 492 1560 321.141,62 € 9.313.107,07 €
Outros 493 1721 260.224,12 € 6.505.602,89 €
Reformas 420 2701 74.630,41 € 1.791.129,84 €
Tellados 377 524 33.510,75 € 67.021,50 €

 

A realidade é que tanto Lara Méndez coma Rubén Arroxo están a poñer en risco numerosos postos de traballo, xa que a construción é un dos principais motores económicos da cidade e que tendo en conta so as licenzas avaliadas para o ámbito urbano nos primeiros seis meses do ano xeraron un volume de negocio de 18.651.266,03 €.

Chegados a este punto, dende o Grupo Municipal Popular esixen ao goberno local unha “reacción inmediata que non se pode demorar máis” e que pasa polo reforzo do persoal de todos os departamentos que interveñen na resolución de licenzas, xa que “nos consta que todo o persoal que intervén no proceso está a dar o 110%, polo que urxe un reforzo para axudar a aliviar a carga de traballo e axilizar a resolución das peticións de licenza”.

Leave a Reply

fifteen − twelve =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies