EconomíaTransparencia

O PP denuncia que Lara Méndez pechou 2018 sen facer caso a 79 avisos sobre irregularidades en 8 dos máis de 20 contratos caducados

By 2 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide asegura que o xefe do servizo de contratación do Concello de Lugo emitiu un informe no que alerta dos reiterados avisos emitidos desde ese servizo ao equipo de goberno para iniciar a licitación dos contratos caducados, advertencias ás que, polo de agora, “o equipo de goberno fai caso omiso”


O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que despois de estudar un informe emitido polo xefe do servizo de contratación se “constatan” as irregularidades de Lara Méndez e o seu equipo de goberno en materia de contratación, xa que pecharon o ano 2018 sen facer caso a 79 avisos relativos á necesidade de iniciar o proceso de licitación de tan só 8 contratos, dos máis de 20 que están a día de hoxe caducados no Concello.

Antonio Ameijide explicou que se trata dun informe, emitido a finais do mes de novembro, no que se avalían 56 facturas, por valor de 861.273,79€, ademais de repasar a situación na que se atopan os contratos dos diferentes servizos que o Concello de Lugo ten adxudicados.

Segundo o informe emitido polo xefe de contratación, desas 56 facturas hai 27 nas que non hai nin contrato nin convenio de colaboración en vigor “tramitados desde o servizo de contratación”, polo que queda clara “a liña a seguir” polo equipo de goberno socialista, “é estar sempre xogando ao borde da legalidade”.

O xefe de contratación pecha o informe recordando a necesidade de iniciar os procedementos legais para licitar os contratos caducados xa que “como se fai constar nos reiterados informes deste Servizo relativos aos reparos de legalidade, a necesidade de impulsar os procedementos e de tentar remover os obstáculos que impiden a continuación dos expedientes, tendo en conta a reiteración no tempo e a contía dos reparos sucesivos”.

Antonio Ameijide explica que segundo este informe xa se emitiron ata 11 avisos para iniciar a licitación do contrato de mantemento, mellora e conservacións das zonas verdes, un contrato no que “houbo un pliego, pero que xa non serve de nada porque hai que adaptalo ás esixencias da nova lei de contratos e nada se fixo”.

Pero hai máis contratos que foron obxecto de numerosos avisos, como o servizo de limpeza en centros e dependencias municipais, que recibiu 23 avisos; o servizo de conservación e mantemento das instalacións de iluminación, que xerou 20 avisos; ou o ciclo da auga, que desde que caducou recibiu 24 alertas. Un contrato no que, ademais, destaca a “permisividade” do goberno local, xa que a empresa concesionaria do servizo fixo un “uso indebido do laboratorio da Estación Depuradora de Augas Residuais” e non se lle abriu un expediente sancionador, incluso despois de que a propia multinacional recoñecera que empregou medios públicos para analizar auga doutros municipios. “Lara Méndez decidiu non iniciar ningún expediente nin investigación, pero permitiu que a empresa sancionase sen emprego e soldo ao traballador que denunciou a irregularidade”, afirmou o popular.

Outros dos servizos que máis polémica xera é o de recollida de residuos, limpeza viaria e explotación do vertedoiro municipal, que recibiu 9 avisos desde que caducou o 31 de marzo de 2017. Un contrato sobre o que o xefe de servizo de contratación asegura que “non se ten achegado ao seu servizo a documentación correspondente que permita iniciar un novo procedemento de contratación” a pesar de que o concelleiro responsable deste servizo, Daniel Piñeiro, asegurou que “estaba todo preparado”.

Incluso, a situación dos contratos no Concello de Lugo foi a peor, xa que nos últimos meses aumentou o número de contratos caducados. Así, o ‘servizo de prevención alleo nas especialidades técnicas: seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, así como da vixilancia na saúde’ caducou o 10 de novembro; ou no ‘servizo de vixilancia do fogar do transeúnte e Cei-Nodus’ finalizou a vixencia da seguridade referente ao Parque da Milagrosa.

Un informe que, segundo explicou Antonio Ameijide, se xuntará ás dilixencias abertas polo xulgado lucense trala denuncia penal que o Grupo Popular presentou hai varias semanas en relación á situación dos contratos caducados no Concello de Lugo e á xestión que fan dos mesmos os membros do equipo de goberno, xa que os populares entenden que se pode tratar dunha presunta prevaricación e malversación de fondos públicos.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies