Economía

O PP denuncia pagos a empresas sen contrato en 2015 por 19 servizos

By 10 Outubro, 2015Xaneiro 12th, 2016Sin comentarios

Castiñeira anuncia que pedirá no vindeiro pleno que o goberno regularice nun prazo máximo de tres meses a situación na que se atopan todos os servizos municipais prestados por empresas sen contrato, “tras nalgún caso cinco anos de facturas á mesma firma con reparos de legalidade”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denuncia pagos por importe de 5,7 millóns de euros a empresas sen contrato, e con reparos de legalidade por parte do servizo de intervención, no que vai de 2015.

Logo de que esta semana a Comisión de Contas previa ao pleno extraordinario deste martes 13 analizase o contido do informe de Intervención no que elevaba a case 10 millóns de euros a contía abonada a firmas privadas o ano pasado sen relación contractual co Concello, os populares analizaron os decretos nos que o interventor cuestiona os pagos a un total de 15 empresas pola prestación de 19 servizos sen o correspondente contrato en vigor. Trátase, en concreto, do mantemento da estación depuradora de augas residuais, da estación de tratamento de auga potable, da dinamización da Casa das Linguas, do centro de día Antonio Gandoy, do transporte urbano, da limpeza de centros e dependencias municipais, da limpeza de colexios, da iluminación pública, da desratización, da vixilancia de saúde pública, da seguridade no traballo, do recoñecemento dos traballadores municipais, da atención ao público nos museos municipais, do programa Aprende Xogando, das obras executadas no auditorio, da vixilancia no CEI-Nodus, do mantemento dos equipos informáticos, de copias de dependencias municipais e da animación sociocultural das escolas rurais.

“Estamos a falar en varios casos de servizos que entraron nestas circunstancias dende a chegada do novo goberno”, salienta Castiñeira, ao tempo que indica que “a cifra vai medrar considerablemente xa non só porque quedan varios meses senón que hai numerosas facturas que están pendentes de entrar no Concello, como todas as do transporte urbano deste ano”.

Proposición plenaria.-

Ante esta situación, Jaime Castiñeira anuncia que trasladará ao pleno do vindeiro 29 de outubro unha proposición encamiñada a “tamén neste asunto” lograr un acordo unánime da oposición “para outra vez máis, volver marcarlle o ritmo de traballo a este goberno municipal en clara minoría e soedade”. Nesa liña, os populares proporán ao pleno que, nun prazo máximo de tres meses, se adopte unha solución para regularizar os servizos que se están prestando por empresas sen contrato en vigor “e que sistematicamente son obxectos de reparos de legalidade por parte do interventor municipal”. Deste xeito, Jaime Castiñeira explica que “a finalidade é que todos aqueles servizos que vaian ser obxecto de prestación de empresas externas se atopen licitados antes de tres meses”.

Paralelamente, os populares reclaman que se elaboren os estudos oportunos para analizar se algún destes servizos que actualmente se prestan nestas circunstancias poden ser obxecto da municipalización. E, no caso de ser así, o GMPP solicita que “nun prazo máximo dun mes” estean constituídas as comisións de traballo oportunas encamiñadas a conseguir este obxectivo.

Por último, o popular conclúe que “a nova alcaldesa, despois de catro meses, non só deu ningún paso para corrixir a situación” e “non só demostra que non coñece a cidade senón que tampouco sabe como funciona o Concello de Lugo”.  Así mesmo, censura que con esta situación “non só incorre nunha situación que non é legal senón que tamén priva aos lucenses dun aforro substancial, que só neste último ano e medio pode cifrarse en case catro millóns de euros”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies