
O Partido Popular de Lugo denuncia a forma absolutamente inaceptable na que o alcalde e o bipartito PSOE-BNG están a manexar os orzamentos municipais, tanto no fondo como nas formas. Resulta especialmente grave que, mentres se filtran cifras e anuncios interesados á prensa, se lle negue á oposición o acceso á documentación orzamentaria que lle permitiría exercer o seu labor con rigor e responsabilidade.
Esta maneira de actuar supón unha nova mostra de deslealdade institucional e de falta de transparencia por parte do goberno local, que parece máis preocupado pola propaganda que polo respecto ás regras básicas do funcionamento democrático. Os orzamentos non poden presentarse primeiro nos medios de comunicación e ocultarse aos representantes dos veciños de Lugo.
Os créditos para investimentos que o bipartito anuncia agora contrastan claramente coa paupérrima execución dos orzamentos anteriores (en 2025, soamente se executou o 34,9% dos investimentos), orzamentos nos que tamén PSOE e BNG, incrementaron a débeda municipal: 13,5 millóns no 2023, 8.860.0000 euros no 2024 e agora, o anunciado endebedamento de máis de 18 millóns de euros.
Nembargantes, Lugo leva anos asistindo ao mesmo ciclo de anuncios repetidos que nunca chegan a concretarse: o novo pavillón, as novas instalacións para a protectora de animais ou actuacións en saneamento seguen a ser promesas recorrentes sen resultados reais; ao mesmo tempo, proxectos fundamentais para a cidade, como a rehabilitación integral da Milagrosa, foron desaparecendo das promesas do bipartito despois de anos de ser fundamentais no seu descurso.
Resulta igualmente chamativo que se destinen recursos a gastos difícilmente xustificables, como a contratación dun novo estudo de mobilidade para a Avenida da Coruña apenas uns meses despois de aprobar un Plan de Mobilidade, mentres anuncios grandilocuentes recentes, como as actuacións deportivas en San Fiz, non contan con nin un só euro consignado no orzamento.
O incremento do investimento que o bipartito pretende vender como un logro vén acompañado, por terceiro exercicio consecutivo, dun aumento da débeda municipal. Todo isto prodúcese nun contexto amplamente advertido polos informes do servizo de Intervención, que levan anos sinalando o carácter estruturalmente deficitario de servizos básicos como o transporte público, a recollida do lixo ou o abastecemento de auga. Lonxe de abordar estes problemas con reformas serias e planificación, o goberno local opta unha vez máis por cargar o custo sobre o futuro dos lucenses a través de máis endebedamento.
A pesar dos reiterados intentos do bipartito PSOE-BNG por impedir que a oposición poida estudar con detalle os orzamentos que pretenden aprobar, o Partido Popular presentará unha análise rigorosa, concreta e realista das contas municipais tan pronto como o goberno local cumpra coa mínima decencia institucional e facilite á oposición a documentación que está a pergueñar ás costas da transparencia e do respecto á corporación.
O que Lugo precisa non son máis anuncios nin titulares baleiros, senón unha xestión responsable, transparente e orientada a resolver os problemas reais da cidade.
