Economía

O PP dá un ultimátum dunha semana para que se avance na municipalización da grúa

By 6 Maio, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular, Jaime Castiñeira, anuncia que “se no prazo de sete días non se convoca a comisión de municipalización, volveremos forzar outro acordo plenario máis para evitar que os lugueses continuemos a asumir a estafa do guindastre”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que se a alcaldesa non convoca nun prazo máximo dunha semana a comisión de municipalización do guindastre volverá trasladar esta cuestión ao pleno.

Nese senso, Jaime Castiñeira criticou á alcaldesa porque “semella que non lle parecen suficientes os cinco millóns de euros que os lugueses xa lle tivemos que abonar a esta empresa involucrada na Operación Pokemon ao longo de todos estes anos” e así “a socialista optou por, na práctica, prorrogarlle o contrato unha vez que xa caducara”. A este respecto, o voceiro popular eloxiou “o control e a firmeza” que está a exhibir o servizo de Intervención municipal coas mensualidades pendentes dende novembro, xa que “este funcionario parece que é o único que defende os intereses de todos os lugueses, cuns criterios que apoiamos ao 100%”.

Así, Castiñeira puxo en valor que a actitude deste técnico “evita que a firma privada siga facturando o que lle dá a gana, co visto bo dunha alcaldesa que a quixo blindar á fronte do servizo e que, de feito, autoriza que continúe prestando o servizo e cobrando contra factura sen contrato, no enésimo caso do mesmo tipo no Concello de Lugo”. “A alcaldesa volve aos vellos principios de Orozco de ti vai facendo que xa amañaremos”, sinalou o popular.

Así mesmo, Jaime Castiñeira incidiu en que “se alguén lle debe algo á empresa que xestiona o guindastre, dende logo que non somos o común dos lugueses”, polo que instou á alcaldesa a “dar a cara e a deixar de agocharse”. “É evidente que antes de chegar á alcaldía, a socialista xa coñecía a polémica que arrastraba este contrato; e tamén é evidente que sabía perfectamente que a vinculación legal remataba en novembro do ano pasado, polo que terá que dar explicacións de por que non moveu ficha aínda”, manifestou o popular, quen dixo tamén que “por moito que a alcaldesa non queira selo e non coñeza practicamente Lugo, 11 meses son tempo de marxe máis que suficiente para que a xestión se traduza en algo máis que en meras fotografías e titulares de prensa”.

Durante a súa comparecencia, o popular tamén denunciou que o anuncio sobre a constitución da comisión para a municipalización da guindastre “realizado pola alcaldesa a mediados de marzo in extremis e a poucos días de que o pleno debatese unha proposición do PP para reclamar esta acción non foi máis que un paripé para evitar o debate plenario e, o que é peor, unha manobra para continuar a defender os intereses da empresa, en lugar de velar polos de todos os lugueses”.

Por último, Castiñeira advertiu de que “se finalmente nos vemos abocados a presentar esta iniciativa non a volveremos retirar, como no pleno de marzo, cando lle demos á alcaldesa unha marxe de confianza que demostrou que non merecía”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies