Urbanismo

O PP dá un ultimátum de dez días para a convocatoria da Comisión de Planeamento

By 5 Abril, 2016Sin comentarios

Jaime Castiñeira sinala que “en urbanismo hai moito traballo por facer” e cita entre os asuntos “urxentes” o 5% do PXOM pendente de aprobación, a revisión do PXOM e do PEPRI ou a construción dun aparcamento público gratuíto fronte ao HULA

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá en rolda de prensa un ultimátum ao goberno local para que “nun prazo máximo de dez días” convoque a Comisión de Planeamento.

Tal como explicou en rolda de prensa, “é urxente” que se celebre esa reunión por dúas razóns: por unha banda, pola acumulación de cuestións pendentes en materia de Urbanismo, entre as que citou o 5% do PXOM que continúa sen aprobar, a revisión da parte aprobada do Plan Xeral “á que algún grupo político – en referencia ao BNG – primeiro lle dixo que non e agora a reclaman”, ou a revisión do PEPRI, “que nin sequera o concelleiro sabe en que punto está porque no último pleno dixo que non se avanzara nada e no mandato anterior os socialistas cansáronse de presumir de xestións neste documento e mesmo lle pagaron 60.000 euros a Evislusa por parte dese traballo”. “Tamén polo aparcamento público gratuíto que aprobamos acometer, agora que legalmente si se pode, nos terreos municipais fronte ao HULA no último pleno a iniciativa do PP ou o desenvolvemento de Infanta Elena”, argumentou o popular.

Por outra banda, Jaime Castiñeira aludiu a un segundo bloque de razóns relacionadas coas repercusións que vai ter sobre o urbanismo municipal a entrada en vigor da Lei do Solo. En concreto, referiuse aos asentamentos tanto industriais como residenciais á marxe da lei no municipio, aos fóras de ordenación e ás ampliacións nas instalacións agrícolas dos núcleos rurais, sobre os que pode “haber certas dúbidas e, de feito, ao mellor hai que modificar a ordenanza de núcleos”, posto que o novo marco legal atribúe novas competencias aos concellos. “Está claro que os técnicos municipais teñen que ter un criterio uniforme e o Concello de Lugo non pode estar á espera senón que ten que planificar, adiantarse e ser proactivo para que os veciños non sufran a inacción municipal dun goberno que prefire botarlle a culpa aos demais”, subliñou.

Así mesmo, o popular criticou que “nos nove meses deste goberno, a alcaldesa non deu nin un só paso, malia a que se comprometera a facelo na última Comisión de Urbanismo tras unha proposta do PP”. “Pero o certo é que 15 días despois non se produciu ningún avance”, recalcou Castiñeira, ao tempo que subliñou que “empregaremos todos os recursos ao noso alcance para que se convoque a Comisión de Planeamento”. Deste xeito, anunciou que, tras a presentación dun escrito instando á alcaldesa a esta acción, “se non hai unha convocatoria antes do venres que vén trasladaremos este asunto á vindeira sesión plenaria”. A este respecto, lembrou o que acontecera co guindastre municipal: “cando presentamos unha proposición, con tal de non debatelo no pleno, anunciaron que crearían a Comisión de municipalización, pero o certo é que a día de hoxe tampouco se deron grandes avances”.

Por último, Castiñeira lamentou que “parece que o goberno só actúa se alguén lle está pinchando” e incidiu en que “o Concello debe ser o primeiro en dar exemplo e facer todo legalmente, tanto en urbanismo como en calquera outro trámite ou procedemento”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies