Transporte urbano

O PP cualifica de “copia e pega obsoleto” a proposta de Arroxo e esíxelle unha renovación profunda, máis frecuencias e gratuidade para menores e xubilados

By 19 Agosto, 2019Agosto 20th, 2019Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide sinala que despois de estudar todas as liñas que presentou Rubén Arroxo na mesa de transporte vemos que se trata “da mesma proposta que hai na actualidade”, un modelo que copia preto do 90% das liñas existentes e que vemos que non ten en conta nin as necesidades dos lucenses nin a transformación que debe sufrir a cidade nos próximos anos, con peonalizacións e novas infraestruturas

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamenta a falta de ambición de Rubén Arroxo co novo modelo de transporte público que o tenente de alcalde propón para Lugo, xa que nesa proposta “desapareceu” a “valentía e ambición” que o nacionalista amosaba meses atrás, cando se atopaba na oposición, xa que o modelo presentado “é continuista con dous ou tres pequenos retoques”.

Antonio Ameijide explica que despois de revisar todas as liñas propostas por Rubén Arroxo para “renovar” o transporte público de Lugo e comparalas co modelo vixente “vemos que se repite o 90% do modelo que temos en Lugo”. “Está claro que hai que facer algo cos autobuses públicos de Lugo, o que todos sabemos é que se algo falla e fas o mesmo volverá a fallar”, sinalou.

O concelleiro popular bota en falta “a revolución” da que sempre presumiu Rubén Arroxo xa que o que nos presentou foi “unha fotocopia ampliada” das liñas que temos na actualidade.

Por iso dende o Grupo Municipal Popular poñen sobre a mesa diferentes posibilidades para modernizar o transporte como é a creación de catro puntos de intercambio ou intercambiadores na cidade para facilitar o transbordo dos viaxeiros. “Falamos de que en catro zonas, polas que pasan máis liñas (poderían ser a Avenida da Coruña, Avenida de Madrid, Sindicatos e Fogar de Santa María) sexan puntos de intercambio para facilitar que os viaxeiros cheguen a calquer punto da cidade dun xeito áxil e cómodo”, explicou. Unha medida que tería que aplicarse da man dos transbordos gratuítos e con frecuencias de entre 10 e 15 minutos, en lugar da proposta do bipartito de manter a frecuencia dunha hora.

Ademais sería preciso escalonar os horarios dos autobuses que van ao Hula para que os usuarios do hospital teñan varios autobuses dispoñibles en cada tramo dunha hora. Esta medida tamén tería que expandirse aos autobuses que chegan aos polígonos, xa que habería que adaptar os horarios ás entradas e saídas dos traballadores para fomentar o uso do transporte urbano e así evitar unha saturación de vehículos nos polígonos.

Antonio Ameijide pregunta a Rubén Arroxo se no modelo de transporte que presentaron contemplan medidas alternativas para os vindeiros meses, xa que hai diferentes propostas sobre a mesa que poderían afectar ás liñas. Neste senso, o popular quere saber que vai a pasar coas liñas que pasan polo casco histórico xa que se levan adiante a peonalización de Quiroga Ballesteros ata 6 liñas se verían afectadas por esta actuación. “O modelo de Rubén Arroxo non se adapta ás necesidades dos lucenses nin ten en conta á transformación que debe sufrir Lugo xa que hai pouco falamos da unidireccionalidade da Avenida da Coruña e o mesmo tenente de alcalde quere peonalizar o último treito de Camiño Real”, explicou.

O concelleiro popular destaca que as poucas modificacións que se realizaron foron a petición do Grupo Municipal Popular, como devolver o servizo ás parroquias de Castelo e Muxa ou alongar a ruta do bus que vai a Nadela para que chegue ata Santa Comba.

Ademais sería preciso poñer en funcionamento medidas que se aprobaron en pleno, a iniciativa do Partido Popular, como a gratuidade para menores de 18 anos, xubilados pensionistas, parados e familias con escasos recursos, e aplicar outras como:

– Liñas máis curtas con frecuencias de 10 a 15 minutos que cubran todo o municipio
– Transbordos gratuítos, establecendo puntos que sirvan de nós para facilitar transbordos
– Creación dunha APP para móbiles para informar, en tempo real, das chegadas de autobuses, frecuencias, enlaces e posibles incidencias no servizo
– Mellorara da información das paradas coa posta en funcionamento dos paneis dixitais e colocación de novos paneis informativos

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies