Obras

O PP critica que o goberno “malgaste diñeiro en obras sen resolver problemas”

By 5 Novembro, 2015Xaneiro 13th, 2016Sin comentarios

O concelleiro popular Antonio Ameijide denuncia que “o goberno local non dea solución a problemas como os tapóns urbanísticos das rúas nas que xa se interviu ou se vai facer, como en Ramos Misioné, Rof Codina, Noriega Varela ou Camiño de Friás”

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide criticou esta mañá en rolda de prensa que “o goberno local estea a malgastar diñeiro público en obras sen resolver problemas”.

Nesa liña, o popular detallou que “estamos a falar dun investimento de preto de catro millóns de euros que, en moitos casos, vai consolidar e perpetuar vellas necesidades sen darlles saída”. Nese senso, Ameijide indicou que “unha das principais demandas están relacionadas coa eliminación de tapóns urbanísticos”, en referencia aos casos de Ramos Misioné, Rof Codina, Noriega Varela ou Camiño de Friás, “todas elas ou ben xa executadas ou ben incluídas nas actuacións previstas ao abeiro do plan de investimentos aprobada polo PP e o PSOE en xuño de 2014”.

Deste xeito, apuntou que “en Ramos Misioné investimos 42.000 euros sen facer desaparecer ese tapón urbanístico, actuación que si estaba contemplada”, polo que pediu aos socialistas “que ou se esixa que se acometa esta acción ou ben que non se lle pague o importe correspondente”. “E en Camiño de Friás nin sequera se chegou a prever esta intervención, senón que simplemente se asfaltou unha corredoira”, aseverou, ao tempo que destacou que “tampouco nos casos de Noriega Varela e de Rof Codina se daba unha resposta axeitada e satisfactoria”.

Falta de repintado.-

Por outra banda, Ameijide tamén criticou “o risco e o perigo” que supón que recentes intervencións acometidas polo goberno municipal ao abeiro deste plan de investimentos “sigan semanas despois sen estar repintadas”, en alusión a rúas como Fisterra, Monforte e a rotonda de Afonso X.

Así mesmo, o edil popular tachou de “chapuzas” outras situacións como a de Nicomedes Pastor Díaz, “onde só se actuou na parte máis próxima á muralla, deixando o primeiro treito sen intervir nel, malia ao estado que presenta”. Ao mesmo tempo, Ameijide anunciou que “seguiremos con especial atención e vixilancia o que ocorra na Ronda do Carme, “onde un dos puntos esenciais é que os pasos de peóns se adapten aos criterios de deseño vixentes en canto á súa altura, e polo que se viu onte non ten pinta de que se vaia intervir porque non estaban a traballar nese eido”.

Monte Adairo.-

Durante a súa valoración, o popular tamén se referiu á situación que viven os veciños de Monte Adairo e Pía Páxaro, que ven como as obras que lles afectan “levan case tres meses paralizadas, sen que se produza un desbloqueo para rematar con medios propios nun par de días os traballos pendentes”. “Pedímolo dende o Grupo Municipal do Partido Popular e aprobouno o goberno pero nunca se levou á práctica”, destacou.

Por último, Ameijide concluíu que “o novo goberno está a vivir das rentas de toda a acción que herdou do anterior goberno, que á súa vez só planificaba todo aquilo ao que o PP o forzou, coa aprobación do plan de investimentos municipal en xuño de 2014”. “E a Xunta de Goberno de onte é outra mostra, coa aprobación de tres obras que xa estaban previstas neste plan”, sentenciou.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies