O PP critica que o goberno leve case tres anos sen contratar o transporte público

By 10 Decembro, 2015Xaneiro 29th, 2016Transporte urbano

Ameijide afirma que “o que ocorre cos autobuses urbanos é un exemplo perfecto de que este goberno municipal, despois de só seis meses, xa non dá máis de si, e que amosa os mesmos síntomas de esgotamento que Orozco ao remate dos 16 anos”.

O concelleiro popular Antonio Ameijide criticou que o goberno municipal leve case tres anos sen contratar o transporte público, despois de que rematase en maio de 2013.

Ameijide cualificou de “inxustificable” que “aínda que a semana que vén estea prevista unha Mesa de Contratación para este servizo, se seguira deixando pasar o tempo, como se nada, despois de que vencese un contrato de 50 anos de duración”. “Do mesmo xeito que o anterior goberno municipal non se preocupara durante todas as prórrogas do servizo por sacalo de novo a concurso, tampouco o novo se molestou en regularizar a súa situación”, aseverou. Así mesmo, o popular denunciou que “o que debería ser unha situación extraordinaria, para situacións puntuais e moi particulares, acabouse convertendo na tendencia habitual deste Concello”, en referencia á “costume” de permitir que empresas sen contrato sigan facturando “anos e anos”. Nese senso, afondou en que “non só estamos a falar de que se vulnera o dereito das firmas privadas a optar en igualdade de condicións a xestionar un servizo público senón que, o que é máis grave para todos os lugueses, encarece o servizo”. Así, Ameijide insistiu en que “estamos a pagar uns prezos maiores que os que teríamos de ter readxudicado este servizo en tempo e forma”. En concreto, o popular revelou que, dende a finalización do contrato en maio de 2013, a empresa que se ocupou deste servizo durante os últimos 50 anos leva facturado para o Concello 8,5 millóns de euros, dos que se podían ter aforrado “como mínimo” un millón e medio de euros.

Mostras de esgotamento.-
Para os populares, a situación do transporte urbano “é un exemplo perfecto” da “sensación” que comezan a ter os veciños de Lugo respecto do goberno municipal, “que en só seis meses xa ten demostrado que non dá máis de si”. “O máis triste é que en medio ano xa deu os mesmos síntomas de esgotamento e de falta de proxecto que se lle vían a López Orozco ao remate dos seus 16 anos”, aseverou Ameijide, quen criticou que “en todo este tempo, a nova alcaldesa non dese atopado nin un só minuto para desbloquear este contrato, que os seus compañeiros deixaran bloqueado e que, polo que parece, segue varado exactamente no mesmo punto”. “E a culpa non é dos técnicos, que si cumpriron coas súas obrigas, senón que coma sempre falla a dirección política, algo que non é de estrañar tendo en conta que incluso a edil de Economía preguntou nunha Comisión quen era o responsable da tramitación dese contrato, ao que o secretario lle respondeu que era ela”, puntualizou.

Abocado ao fracaso.-
Así mesmo, o popular afirmou que “é un procedemento que nace abocado ao fracaso”, xa que “o goberno anterior, e o actual non mudou nada, decidiu deixar en mans da empresa concesionaria elementos estratéxicos coma o redeseño das liñas”. “Evidentemente, os intereses da adxudicataria non van ser os mesmos do Concello de Lugo”, reflexionou, polo que “bota de menos que exista unha preocupación mínima por blindar, por riba de todo, a defensa das necesidades dos lucenses”. “En lugar de potenciar o transporte urbano, como se fai no resto de cidades que son medioambientalmente responsables e sostibles, aquí damos pasos cara atrás”, concluíu, ao tempo que sentenciou que “imos empezar o 2016 cos autobuses sen contrato e a ver cantos meses tardan en telo”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies