InfraestruturasOutros

O PP critica que catro postos da Praza leven máis dun ano baleiros

By 12 Maio, 2017Sin comentarios

A edil popular Ana López Pombo afirma que “logo dun investimento millonario, o mínimo que deben facer os socialistas é un exercicio de reflexión e autocrítica” para avaliar por que seguen sen actividade preto de 60 metros cadrados

A edil do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López Pombo denuncia que catro dos 49 postos fixos da Praza de Abastos levan, cando menos, máis dun ano sen ocupar.

Logo da análise dos decretos coas liquidacións mensuais a abonar polos industriais da Praza, a edil popular explica que os postos número 3, o 16, o 35 e o 49 están libres dende hai máis dun ano, deixando sen actividade unha superficie de 11,5 m2, 22,24 m2, 11,5 m2 e 12 m2, respectivamente. “Estamos a falar de que o segundo (o 16) é o sexto máis grande de todos os puntos de venda destas instalacións”, puntualiza.

“Evidentemente, o prexuízo fundamental para o Concello non son os pouco máis de 9.000 euros que deixou de ingresar nos últimos doce meses” (importe resultante de multiplicar a superficie baleira total – 57,24 m2– pola tarifa de 13,18 euros por metro cadrado e mes de acordo co artigo 3 da ordenanza fiscal 114 que regula as taxas pola prestación do servizo de mercado) “senón, fundamentalmente, a imaxe negativa que se transmite destas instalacións ao estaren baleiras”. “A ninguén se lle escapa que ver postos baleiros non incentiva a realizar compras na Praza de Abastos, senón todo o contrario”, asegura.

Nesa liña, Ana López Pombo destaca que “logo dun investimento millonario con diñeiro público na reforma integral da Praza de Abastos, o mínimo que cabe esixirlle ao goberno local é un exercicio público de reflexión e autocrítica” para avaliar por que seguen sen actividade preto de 60 metros cadrados. En opinión dos populares, esta situación, “sumada á demora na finalización das obras do soto e ao estado tan lamentable que seguen a presentar os aseos, entre outros factores”, volve poñer de manifesto “a incapacidade política” por rendibilizar economica e socialmente unhas dependencias “con ubicación privilexiada e con produtos de máxima calidade”.

A este respecto, López Pombo anuncia que presentará unha batería de preguntas ao goberno local para que informe de por que non se ocuparon logo de tanto tempo, “máis aínda sabendo que existe unha demanda real por instalarse alí” de acordo co establecido no o artigo 16.2 da ordenanza reguladora de Prazas e Mercados do Concello de Lugo, no que se establece que Poderán ser obxecto de concesión os postos fixos que figuren na oferta pública que o Concello deberá ter permanentemente actualizada. “Loxicamente, terá que haber algunha causa desta situación e se os socialistas non son quen de desbloqueala teremos que sentarnos entre todos a ver como se pode desencallar”, puntualiza, ao tempo que urxe aos socialistas a sacar a oferta pública estes catro espazos.

Finalmente, a concelleira popular insta aos socialistas a dar “á maior brevidade posible” unha solución definitiva aos problemas de malos cheiros que se veñen rexistrando dende hai meses no soto da Praza de Abastos e que converten este espazo “nun entorno totalmente insalubre” que “desanima aos lugueses a facer alí as súas compras”. “Falamos dunha cuestión que lles xera moita preocupación aos vendedores que se instalan así e que mesmo se ven obrigados a esquivar determinados puntos nos que o olor é especialmente intenso”, sinala, ao tempo que incide en que “nestes días a situación estase a agravar porque se ven obrigados a apiñarse nos poucos lugares nos que non se aprecia tanto esta sensación”. “E máis aínda agora que en época de primavera se acumulan máis vendedores”, conclúe.

Responder

12 + 5 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies