Transporte urbano

O PP critica que Arroxo renuncie a implantar xa os transbordos de balde e a gratuidade para menores, xubilados e persoas con poucos recursos

By 4 Marzo, 2022Sin comentarios

Antonio Ameijide lamenta que Rubén Arroxo siga a buscar novas escusas, como a que emprega agora de ter que aprobar unha nova ordenanza fiscal para implantar estas medidas, como o transbordo gratuíto, en lugar de traballar decididamente por poñer en vigor estas medidas que unicamente redundarán nun beneficio para os usuarios do transporte urbano

O bus urbano de Lugo seguirá sen ser de balde para menores, xubilados, parados e persoas con escasos recursos, ao igual que non haberá transbordos de balde, despois de que así o confirmase esta mañá Rubén Arroxo durante a mesa de transporte que se celebrou hoxe.

Para o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, “é unha decepción” que Rubén Arroxo siga sen ter en conta esta proposta do PP, xa que dela se poderían beneficiar moitos dos usuarios do transporte urbano, persoas ás que non é allea á crise económica na que vivimos dende a pandemia da covid e que agora se recruou coa guerra entre Rusia e Ucraína.

A escusa plantexada agora por Rubén Arroxo é que para poder poñer en marcha esas medidas é preciso aprobar unha nova ordenanza fiscal, ou dito doutro xeito “dende o BNG teñen unha nova escusa para negarse a poñer en marcha a gratuidade dos transbordos que dende o PP sempre defendemos e que Rubén Arroxo tamén defendeu antes de pisar moqueta”.

Outra das sorpresas desagradables que deixou esta mesa de transporte é que tampouco haberá unha APP para seguir as liñas do transporte urbano en tempo real nin para planificar rutas. “Vemos como pretenden que o Concello de Lugo siga instalado no século pasado, xa que non haberá APP móbil nin integración das liñas de transporte en Google Maps, algo que fixeron moitas cidades de España”, lamenta.

Nesta mesa de transporte tamén se abordaron outras propostas realizadas polo PP, como a de estudar a sinalización dos principais intercambiadores do transporte urbano, para que os lucenses saiban cales son as paradas polas que pasan máis liñas de bus.

Solucións liña 5 en Castelo

Outra das grandes peticións do Grupo Popular, a procura dunha solución para a liña 5 en Castelo semella que por fin chegou. Tanto os veciños da zona como o propio Grupo Municipal Popular levábamos dende a entrada en vigor das liñas pedindo un novo trazado para esta ruta, xa que o bus tiña que atender máis de 70 paradas nun prazo de 60 minutos, “algo totalmente inasumible”, ademais de non ter servizo ao mediodía.

Nesta mesa de transporte, o PP conseguiu o acordo para renovar o trazado, polo que agora haberá dúas liñas, cunha frecuencia de paso de 60 minutos cada unha, que solucionarán os principais problemas que había:

  • A liña chegará agora ata o Carqueixo, grazas a intervención da Xunta de Galicia que habilitará unha parada e un novo xiro
  • Haberá bus aos mediodías, polo que os veciños poderán volver as súas casas para comer
  • O traxecto pasará polo casco histórico, xa que os veciños lamentaban que o trazado actual os afastaba do centro

Tamén se acordaron outros cambios propostos polo Grupo Municipal Popular, como que a liña 3, a de Conturiz, agora achegarse ata o centro e ao entorno da Muralla, ou as solucións para o barrio de Paradai, que tamén se achegará un pouco máis á Muralla pola Avenida da Coruña.

Outras peticións, a maioría realizadas por traballadores dos polígonos industriais e trasladadas polo PP, tamén se terán en conta, de xeito que as liñas 1.2; 1.4; 4.2 e a 12 pasarán por varias rúas dos polígonos, facilitando así o acceso aos traballadores ás empresas.

Finaliza Antonio Ameijide lamentando que outra das grandes reclamacións defendidas polo PP, como que a liña 12 de Albeiros chegue ata o Hula, non se tivo en conta, polo que os veciños da zona seguirán a ter que dar unha volta moi grande enlazando varias liñas para chegar a este centro hospitalario.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies