O PP critica que a dez días do pleno para o debate dos orzamentos nin Méndez nin Arroxo entregaron nin un papel á oposición para estudar o proxecto

By 10 Decembro, 2021Economía

Antonio Ameijide explica que a división do goberno máis caro da historia de Lugo fíxose patente na presentación do proxecto de contas municipais xa que Rubén Arroxo evitou acompañar a Lara Méndez á presentación ante os grupos da corporación, entidades sociais ou administracións públicas, mentres “escenificaron unha unión ficticia” ao acudir conxuntamente á posta de longo das contas ante os medios de comunicación

As tensións no desgoberno municipal son cada día máis evidentes e unha nova mostra foi a ausencia de Rubén Arroxo na presentación dos orzamentos que fixo Lara Méndez esta mañá aos grupos da corporación, administracións públicas ou entidades do tecido social e económico, o que evidencia que a distancia entre Méndez e Arroxo é cada vez maior, mentres a rexedora e o tenente de alcaldesa optaron por “escenificar unha unión ficticia” ao acudir xuntos á presentación ante os medios de comunicación.

Unha situación que non pasou desapercibida para o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, que criticou as formas de Arroxo e de Méndez, ao tempo que aproveitou a ocasión para evidenciar que “seguramente que as tensións do goberno máis caro da historia de Lugo se suavizarán no momento de levantar a man para aprobar as contas municipais para o vindeiro ano”.

Unha ausencia que non fixo máis que dar a razón á denuncia que a semana pasada realizou o Partido Popular, cando os populares aseguraron que as tensións entre PSOE e BNG atrasaban a confección dos orzamentos municipais para 2022 polas liortas entre Méndez e Arroxo á hora de distribuír os fondos do 60 – 40% no que quedaron no pacto de desgoberno municipal.

No referente ás contas, o vicevoceiro popular acusa a Lara Méndez e Rubén Arroxo de padecer un escurantismo crónico xa que unicamente fixeron unha presentación de 15 minutos na que non aportaron “nin un só papel, dilatando ao máximo a entrega da documentación”. Os populares acusan a Lara Méndez de “seguir vendendo fume” a través “duns números pouco fiables e que non van ser capaces de executar”. Neste senso, os populares critican que de novo Lara Méndez opte por endebedar a todos os lucenses ao pedir de novo un crédito de 5.7M€.

Antonio Ameijide tamén fai referencia á que Lara Méndez presentou os orzamentos sen sentarse a falar co PP, grupo maioritario da corporación e que a semana pasada rexistrou unha batería de 76 propostas, baixo o paraugas de #CosPésEnLugo, xa que reflicten demandas de diferentes colectivos da cidade.

Leave a Reply

3 × five =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies