Economía

O PP critica que a alcaldesa permita a outra empresa da Pokemon facturar sen contrato

By 2 Marzo, 2016Sin comentarios

Jaime Castiñeira denuncia que a alcaldesa intentou concederlle unha prórroga “sen ningún límite concreto de tempo” á concesionaria do guindastre “en contra do criterio dos técnicos municipais, dun acordo plenario e do sentido común”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, criticou esta mañá en rolda de prensa a intención da alcaldesa de prorrogarlle o contrato do servizo de guindastre a unha das empresas que está no centro da Operación Pokemon, un caso que se vén sumar ao da firma SERMASA, filial de Vendex, que se vén ocupando sen respaldo contractual da xestión dos museos municipais dende novembro de 2014.

En relación ao guindastre, Castiñeira explicou que, de acordo cun decreto asinado pola propia alcaldesa, “a vontade de blindar a Cechalva neste contrato era firme e decidida” e incluso ía “máis alá” das pretensións da firma privada. Nese senso, detallou que “mentres que a empresa solicitaba unha prórroga por un ano ou período inferior, a proposta do goberno municipal ampliábaa sen fixar prazo concreto ningún”. Deste xeito, apuntou que “o único período ao que se alude para a caducidade desa ampliación é o da execución efectiva do acordo plenario que instaba á municipalización do servizo”.  “Tendo en conta que a día de hoxe aínda non se constituíu a Comisión que ía realizar ese estudo, aprobada en pleno en setembro do ano pasado, moito nos tememos que se pola alcaldesa fora a empresa concesionaria prolongaría a súa recadación incluso máis alá do 30 de novembro de 2017, cando rematarían os dous anos de prórroga previstos no contrato asinado en 2005”, destacou Jaime Castiñeira.

Ante esta situación, o voceiro popular concluíu que “a pretensión da alcaldesa era clara e manifesta” e afirmou que “nin sequera cos informes en contra dos servizos municipais de Intervención e Contratación foi capaz de frear esas intencións”. “Ao contrario, o que fixo Méndez foi converterse nunha prolongación de Orozco e Liñares de manter empresas traballando sen contrato, sen empacho ningún aínda que sexan eixe central da Pokemon”, asegurou, xa que, segundo indicou, “Cechalva continuará facturando para o Concello de Lugo, impedíndonos que paguemos por este servizo a metade do que viñamos facendo”.

Incremento da presenza policial.-

Por outra banda, o voceiro popular tamén desvelou que nese mesmo decreto a alcaldesa dá orde de incrementar a presenza policial, ao implementar unha campaña de control de estacionamentos antirregulamentarios.

Por último, Castiñeira ironizou con que “non só o Grupo Municipal do Partido Popular está advirtindo de que Lugo está sumido no bloqueo e na parálise por culpa do goberno municipal”. “Aí están nos últimos tres días os reproches do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os do rexistrador da propiedade e os das empresas eléctricas, por citar só algúns exemplos”, concluíu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies