O PP critica a Lara Méndez por negarse a apoiar medidas para reducir permanentemente a factura da luz

By 30 Setembro, 2021Consumo, Economía

Os populares lograron que se aprobara unha iniciativa para que o Concello de Lugo inste ao goberno central a aplicar medidas para reducir a factura da luz, medidas que Lara Méndez se negou a apoiar.

Nas primeiras semanas do ano 2021 o sistema eléctrico experimentou un encarecemento substancial dos prezos, acadando niveis por riba dos 90€/MWh, que supoñían xa daquela máximos históricos, co conseguinte impacto negativo na factura eléctrica de familias, pemes e autónomos.

Neste contexto, o pasado 1 de xuño entraba en vigor o novo modelo de factura eléctrica para os case 11 millóns de consumidores españois acollidos ao PVPC (Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor). Daquela o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico animaba aos consumidores a trasladar o consumo de enerxía eléctrica das horas punta aos tramos chan e val (os de menor demanda). Este cambio nos hábitos de consumo redundaría en “menores custos para os consumidores” e “un maior aforro na factura”, tal e como se recolle na nota de prensa do Ministerio do pasado 5 de maio.

Nada máis lonxe da realidade. Son moitos os días nos que os medios de comunicación nos trasladan prezos récord consecutivos da luz. No mes de xullo o prezo medio no mercado maiorista acadou os 92,42€/MWh; en agosto, 105,94€/MWh;  e o pasado 16 de setembro a cifra de 188,18€/MWh, cuadriplicando o valor que marcou durante o terceiro xoves de setembro de 2020 (47,11 euros).

Unha subida desbocada do megavatio hora que impacta de maneira moi especial nos colectivos máis vulnerables – aumentando o risco de pobreza enerxética – e naqueles autónomos, pemes e empresas que non teñen capacidade para adaptar a súa actividade aos novos tramos horarios.

Por outra banda, hai que engadir que– ata agora- en España menos do 40% da factura da electricidade dependía do custe da enerxía. O resto, débese aos custos regulatorios derivados da xestión política (por exemplo, subvencións ás renovables ou ao carbón ou o déficit de tarifa, entre outras) e aos impostos (o Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica ou o IVE, entre outros).

Polo tanto, unha das vías máis inmediatas para reducir a factura da luz é a rebaixa dos impostos e custos que gravan a electricidade, pero cómpre desenvolver medidas estruturais que afronten unha verdadeira reforma do sistema eléctrico. Sen embargo, mentres as familias, pemes, autónomos e todo o tecido empresarial galego – é especialmente a industria electrointensiva-, están moi preocupados por estas subidas descontroladas do prezo da electricidade, as medidas aprobadas polo goberno de España, non só chegan tarde, senón que son insuficientes e nacen desde a improvisación, sen explicar que consecuencias terán o próximo ano.

Así pois, a partida de gasto prevista nos orzamentos municipais non abondará para fronte a estes incrementos do prezo da luz, cando as prioridades de gasto deberían encamiñadas a atender as necesidades dos nosos veciños.

Polo exposto, o Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo, presenta a seguinte PROPOSTA DE ACORDOS

1º- O concello de Lugo insta ao Goberno de España a eliminar o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7%, modificando a Lei 15/2012, de 27 de decembro de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética.

2º.- O concello de Lugo insta ao goberno de España a modificar a Lei 24/2013, do Sector Eléctrico para que, entre outros aspectos, determinados custos regulatorios que se trasladan á factura eléctrica (débeda do sistema eléctrico e custos extrapeninsulares) sexan financiados integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

3º.- O Concello de Lugo insta ao goberno de España a modificar a Lei 37/1992, do Imposto sobre o Valor Engadido para facer  permanente a rebaixa do IVE da electricidade do 21 ao 10%.

4º.- O Concello de Lugo insta ao goberno de España a impulsar o descenso da factura eléctrica a través da revisión dos tramos horarios, na medida en que o período val de luns a venres,    no que a tarifa é máis barata, vai desde as 12 horas da noite ata as 8 da mañá, o que fai moi difícil o aforro das familias.

5º.- O Concello de Lugo insta ao goberno de Españaampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario do Pequenos Consumidor (PVPC) ata potencias que iguais ou inferiores a 15 KW para o consumidor doméstico, co fin de facilitar o acceso ao Bono Social Eléctrico.

6º.- O Concello de Lugo insta ao goberno de España a loitar contra a pobreza enerxética entre os consumidores máis vulnerables, establecendo axudas específicas para o pagamento de facturas e asumindo o 100% dos custos para evitar o corte da subministración eléctrica.

Leave a Reply

19 − eleven =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies