Infraestruturas

O PP afirma que o fracaso da licitación do novo pavillón certifica que Lara Méndez e Rubén Arroxo forman o goberno máis “chapuceiro” da historia de Lugo

By 12 Abril, 2023Sin comentarios

Antonio Ameijide pon sobre a mesa varios dos proxectos que nos últimos catro anos levan a firma de socialistas e nacionalistas e que unicamente serviron para poñer en pe de guerra aos veciños polas molestias e caos xerados, para destruír máis de 300 prazas de aparcamento e para colapsar co carril bici rúas nas que a circulación era fluída

O goberno de Lara Méndez e Rubén Arroxo pode definirse como “o goberno das chapuzas” despois de ver como o seu último despropósito é como se anulou o proceso de contratación do novo pavillón polideportivo de Lugo.

Antonio Ameijide recorda como desde o Grupo Municipal Popular xa se advertiu hai varios meses das dúbidas respecto ao orzamento reservado para o pavillón, a pesar de que o presuposto aumentase un 40%, superando os 4M€. “A pesar de contar cun orzamento disparatado non foron capaces de crear un pavillón polo que Lugo e os lucenses levamos 24 anos agardando”, denunciou.

Ademais, as alegacións presentadas por varios colexios profesionais demostraron “a chapuza” de Lara Méndez e Rubén Arroxo nos pregos de contratación polo que desde o Grupo Popular esixen “que se redacten de inmediato os novos pregos e que sexan axustados á realidade e a legalidade vixentes”.

O concelleiro popular explica que este é o último exemplo da “nefasta xestión” de socialistas e nacionalistas á fronte do Concello de Lugo, pero hai moitos máis.

O primeiro dos exemplos a citar é o carril bici, unha obra que custou máis de 1M€ de fondos europeos e que unicamente serviu para eliminar máis de 300 prazas de aparcamento nun único barrio, dificultar a circulación en rúas nas que o tráfico sempre foi fluído e para poñer en pe de guerra a miles de veciños que viron como a súa vida diaria e a mobilidade se dificultou por mor desta obra “mal plantexada e sen consensuar”.

As peonalizacións tamén causaron fondo malestar entre os lucenses. Como exemplo, a obra do último treito de Camiño Real que causo fondo malestar entre os veciños e os comerciantes, aos que estes traballos provocaron importantes perdas económicas, sobre todo durante a campaña de Nadal.

O mesmo camiño poden levar os traballos de peonalización do casco histórico que “son un despropósito” xa que o plan de tráfico proposto por Lara Méndez proxecta que pola Rúa Nova, unha vía de entre 5 e 6 metros de ancho e pola que camiñan miles de persoas a diario, agora haxa miles de vehículos circulando cada día.

Outro dos exemplos que se poden poñer sobre a mesa son as Caldas do Miño. Unha infraestrutura na que Lara Méndez non tivo máis remedio que rebaixar a temperatura da auga a 30º xa que sempre defendeu que sería “de uso recreativo” e así cumprir coa normativa estatal e non arriscarse a incumprir o PXOM polas “serías dúbidas existentes da legalidade de instalar unha dotación de uso terapéutico e medicinal” nunha zona verde.

Antonio Ameijide explica que “estes son só algúns dos exemplos das numerosas chapuzas de Lara Méndez e Rubén Arroxo á fronte do Concello de Lugo” ao que engade que “estes catro anos de constantes erros certifican que formaron o goberno máis caro pero tamén o máis incompetente e o peor da historia de Lugo”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies