Economía

O PP afea a Méndez e Arroxo que inicien o ano debendo 7M€ a autónomos e pequenos empresarios pese a ter nas contas bancarias municipais 33M€

By 16 Maio, 2021Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo critica a xestión do goberno local, que se mantén nunha espiral de facturas sen pagar, pese a que a alcaldesa ten en contas bancarias municipais 32.942.042,49€, cantidade suficiente para pagar as facturas que deben a autónomos e pequenos empresarios nestes momentos tan complicados, nos que precisan de liquidez

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, critica a Lara Méndez e a Rubén Arroxo por manter ao Concello de Lugo nunha situación de impagos permanente e de desprezar aos autónomos e pequenos empresarios que prestan servizos para esta administración, aos que ao remate do primeiro trimestre do ano debía 6.748.353,86€ en 976 facturas, pese a ter nas contas bancarias municipais 32.942.042,49€.

Esta é unha situación “endémica” no Concello de Lugo, que se mantén nunha espiral constante de facturas impagadas pese a ter cartos máis que suficientes nas contas bancarias. “A política económica de PSOE e BNG é errónea, sobre todo na actual situación sanitaria na que todos os autónomos e pequenos empresarios precisan de liquidez”, explicou.

O voceiro popular recorda que, como é habitual, dende o Grupo Municipal Popular pedimos acceso ao informe de morosidade do último trimestre do ano, documento no que se acreditan os nefastos datos de pagamento a provedores e que empeoran ao constatar que o período medio de pago pendente se sitúa nos 176,08 días. “Xa o dixemos en moitas ocasións e sempre defenderemos que calquera persoa que realice un traballo para esta administracións cobre polo traballo realizado, polo que non podemos permitir que fagan esperar a calquera traballador seis meses para cobrar”, sinalou.

Este informe que se realiza cada trimestre é “demoledor” para Lara Méndez e Rubén Arroxo, un documento que deixa datos tan alarmantes como que no primeiro trimestre de 2021 pagaron o 41,92% das facturas fóra do prazo legal que marca a lei, 532 facturas por valor de 2.427.085,61€.

Por último, no informe solicitado polo Grupo Municipal Popular reitérase de novo que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un documento no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender en prazo os pagamentos”. Informe no que a tesoureira municipal sinala que “reitérase a necesidade de tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies