Cultura

O PP acusa a Méndez de “condenar” aos lugueses a seguir sen auditorio

By 10 Xaneiro, 2017Sin comentarios

 Jaime Castiñeira afirma que a “reiterada negativa” da alcaldesa a colaborar no equipamento do auditorio é “unha irresponsabilidade e unha tomadura de pelo que castiga aos lugueses” sen unha dotación de máis de 20 millóns de euros

O voceiro do Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, acusou esta mañá en rolda de prensa á alcaldesa de “condenar aos lugueses” a seguir sen auditorio, xa que “coa súa actitude, se por ela fora estariamos sen abrir estas instalacións nas que a Xunta de Galicia invertiu máis de 20 millóns”.

Nesa liña, o voceiro popular cualificou “a cerrazón da alcaldesa” de “irresponsabilidade” e “tomadura de pelo” que castiga aos lugueses sen esta dotación. Así, Castiñeira preguntouse “a que Méndez cremos”: “á que transmite boa vontade cando está a carón do delegado da Xunta ou á que de cara aos medios de comunicación amosa a súa verdadeira cara, de falta de colaboración interinstitucional”. A este respecto, o popular advertiu de que “os outros dous anos de mandato que nos quedan veremos como se multiplican estes comportamentos de suplir o déficit de xestión municipal con superávit de vitimismo”. “Parece que esta alcaldesa quere facer carreira política a costa de privar aos lugueses de investimentos doutras administracións e optando por unha pataleta de parvulitos”, opinou o popular, ao tempo que matizou que “a achega do Concello para o equipamento supón apenas o 1% do orzamento anual”.

Así mesmo, Castiñeira incidiu en que “o verdadeiro problema da alcaldesa non é económico, senón a falta de planificación e de programación, porque non sabe que facer con esta dotación”, cuxa ubicación foi “un capricho” do PSOE local e do bipartito na Xunta de Galicia, igual que a previsión de construír varias torres de vivendas de protección oficial a carón del. “É unha competencia municipal, na que a Deputación e a Xunta de Galicia están dispostos a colaborar, como pediu toda a oposición municipal, e a única que se opón é a que debera ser a máxima interesada, a alcaldesa”, subliñou.

Investimentos en risco.-

Por outra banda, o popular insistiu en que “o que temos neste momento, ademais dun edificio rematado, é un compromiso da Xunta de destinar, polo menos, 1,2 millóns de euros para o equipamento do auditorio que está no aire porque o Concello non se compromete a realizar un esforzo económico para unha dotación que será da súa titularidade”.  “A mellor proba de que é un insulto que a alcaldesa diga que só achegará 50.000 euros para equipalo vese en que este importe é exactamente o mesmo que prevía destinar para a biblioteca da Piringalla, que leva anos sendo un esqueleto e coas obras completamente paralizadas; ou que vaia invertir máis en acondicionar 3.000 metros cadrados de terreo para hortos urbanos”, asegurou Castiñeira, ao tempo que ironizou con que “Méndez está tardando en culpar tamén a Montoro de non poder dotar de contidos ao auditorio, igual que fixo co incidente da fonte de San Vicente”.

Por último, instou á alcaldesa a “deixarse de lamentos” e a cumprir o acordo municipal “adoptado a iniciativa do PP cos votos a favor de todos os grupos políticos da oposición” no pleno de novembro de 2016, co ánimo de completar o equipamento entre o Concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia e de organizar unha programación cultural “canto antes”. “En definitiva, sentarse para abordar un novo convenio, tal como recoñeceu o goberno municipal no debate da proposición”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies