Servizos sociais

O PP acusa ao goberno local de perder axudas contra a violencia de xénero

By 15 Febreiro, 2017Sin comentarios

 A edil do Grupo Municipal do Partido Popular Mari Teijeiro denuncia que o Concello de Lugo non foi quen de xustificar un investimento de 60.000 euros en materia de promoción da igualdade para ingresar o 100% da contía concedida pola Xunta

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro acusa ao goberno socialista de perder axudas contra a violencia de xénero.

Nesa liña, a edil popular denuncia que o Concello de Lugo non foi quen de xustificar unha subvención de 60.000 euros que a Xunta de Galicia lle concedera ao abeiro do programa de apoio aos centros de información ás mulleres convocadas por resolución do 8 de outubro de 2015. Deste xeito, Mari Teijeiro explica que “aínda coñecendo a alcaldesa dende o 22 de decembro de 2015 que disporía destes fondos, o certo é que non foi quen de implementar actuacións que permitiran ingresar integramente a asignación orzamentaria, máxime cando se podían incorporar investimentos dende 2014”.

Así mesmo, Mari Teijeiro critica que “o mesmo goberno local que continuamente se está a laiar de que non ten competencias nin financiamento para levar a cabo accións en materia de igualdade e en contra de violencia de xénero despois demostra que a loita contra esta lacra non se sitúa entre as súas prioridades”. “Esta cuestión é o suficientemente grave como para que os socialistas deixen a un lado a súa irresponsabilidade e a súa permanente deslealdade cara a outras administracións gobernadas por outros partidos políticos”, apunta.

Por outra banda, a edil popular incide en que “se temos en conta que o Concello de Lugo solicitara inicialmente un importe de 80.000 euros – dos que se lles concederon 60.000 euros – con cargo a esta partida, a única interpretación que cabe é que ou o goberno local non fai unha mínima previsión da achega de financiamento que precisa ou o seu obxectivo é pedir os máximos de cada liña para despois dicir que a Xunta de Galicia marxina aos lugueses”. “Non queremos pensar que a alcaldesa pediu o triplo de fondos dos que precisaba só para privar a outros Concellos destes fondos”, manifesta.

Por último, a concelleira Mari Teijeiro asegura que “os socialistas cren que a quen desprezan é ao Partido Popular por ser este partido o que, no exercicio das súas funcións no gobenro da Xunta, concede axudas con diñeiro dos galegos, pero a quen desprezan e castigan é ás vítimas de violencia de xénero”. “E o decreto de antonte no que a edil de Economía ordenaba a devolución de 13.216,22 euros de parte dos 45.000 euros que a Xunta de Galicia xa transferira como anticipo é unha mostra perfecta de cal é a verdadeira implicación deste goberno neste asunto”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies