InfraestruturasTurismo

Castiñeira: “que a demagoxia e o oportunismo non priven aos lugueses da praia fluvial”

By 13 Xullo, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular Jaime Castiñeira explica que “non imos perder un só minuto en polémicas estériles” senón que insta ao goberno municipal a “traballar dende xa para recuperar a zona situada fronte ao Pazo Universitario dos Deportes”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, asegura que “a demagoxia, o oportunismo e as incoherencias dalgúns partidos políticos non deben privar aos lugueses dunha praia fluvial”.

Nese senso, Jaime Castiñeira destaca que “os lugueses non temos un minuto que perder e, dende logo, ao PP non nos van atopar en debates estériles nin imos contribuír a ningunha cerimonia da confusión que desvirtúe o fondo da cuestión, que é que Lugo non pode pasar outro verán máis sen a praia fluvial que tanto merecemos e tanto tempo levamos reclamando”.

De feito, o popular reitera que “o importante é que o goberno municipal comece a traballar dende xa para adquirir os aproximadamente 40.000 metros cadrados  que se atopan na confluencia entre o Parque do Miño e o Río Rato e que impiden que estea completo o cinto verde da cidade de maís de 10 quilómetros de lonxitude”, máis aínda vendo que “semella que hai consenso entre os distintos grupos políticos” sobre a conveniencia de contar con esta dotación. “Polo tanto, vaiamos dando pasos e que logo sexan os técnicos municipais quen nos digan se a praia a ubicamos un metro arriba ou un metro abaixo”, apunta Castiñeira.

A “mala conciencia” do BNG.-

Por outra banda, en relación ás declaracións do voceiro do BNG, Jaime Castiñeira indica que “non podo ocultar que me dá pena que Arroxo veña agora empañar a dedicación e o traballo da anterior responsable do BNG no Concello de Lugo, Paz Abraira, quen apoiou en pleno que a praia fluvial se ubicase no punto que o PP apuntou hai dous días”. “Intentar amparar este cambio de criterio en que agora se fixeron outros estudos é como dicir que os anteriores concelleiros do BNG tomaban as decisións ao chou e creo que nin é certo nin moito menos xusto”, salienta o popular.

Por último, o voceiro popular detalla que “non quero pensar que esta réplica obedeza á mala conciencia de quen, sendo muleta de gobernos socialistas tanto no Concello como na Deputación Provincial, foron incapaces de garantirlles aos lugueses a praia fluvial”. “Dá a impresión de que nin fan nin queren que outros fagan”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies