Urbanismo

Castiñeira esixe á alcaldesa que “dea a cara e diga que pensa facer” co Plan Xeral

By 7 Decembro, 2015Xaneiro 29th, 2016Sin comentarios

O voceiro popular critica que “diante da nova situación que se pode xerar en relación ao Plan Xeral, a alcaldesa estea máis pendente de nomear un Director de Persoal que de atender a un tema gravísimo que nos afecta a todos os lucenses”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, esixiu esta mañá en rolda de prensa á alcaldesa que “dea a cara e diga que pensa facer” co Plan Xeral de Ordenación Municipal, logo da “certa alarma social” xerada tras a sentenza de Vigo.

“Estamos diante dun tema gravísimo, que afecta a todos os lucenses e dende hai catro días a alcaldesa non abriu a boca ao respecto”, reflexionou o voceiro popular, ao tempo que destacou que “hai unha ameaza sobre o Plan Xeral e nin sequera se lle ocorreu saír a defender un documento vital ao municipio”. “Non se pode entender por que se agocha a alcaldesa, que está máis preocupada polo nomeamento dun Director Xeral de Persoal que por avaliar o que pode ocorrer co PXOM”, ao tempo que ironizou con que “ao mellor en vez dese director xeral que xa deben de ter medio negociado entre Lugonovo e o PSOE, o que habería é que nomear un director xeral que substitúa á alcaldesa”

Proposición plenaria.-

Durante a súa comparecencia, o popular anunciou que pedirá no vindeiro pleno a convocatoria urxente da Comisión de Planeamento para “analizar a nova situación xerada tras a sentenza de Vigo”, así como do Consello Económico e Social “co obxecto de ditaminar os pasos a dar”. “É neses foros onde temos que avaliar a conveniencia de iniciar a revisión inmediata do Plan Xeral, a súa adaptación ás novas leis ou a contratación dos estudos de inundabilidade que faltan”, indicou. “A xustiza ten os seus camiños e os seus tempos e o Concello os seus”, explicou Castiñeira, ao tempo que advertiu que “volver ao PXOM de 1990 sería un desastre, máis aínda tendo en conta que non é un documento inamovible”, porque “dentro de tres ou catro anos non podemos estar facendo cidade cun modelo de hai 30 anos”. “Aproveitemos a fortaleza de que temos un tempo de marxe, a diferenza de Vigo”, matizou o popular.

Por outra banda, Castiñeira desbotou a petición de paralización do actual PXOM “porque sería unha irresponsabilidade gravísima que suporía a paralización total do municipio e poría en perigo a dinamización económica e o mantemento e creación de emprego en Lugo”. Nese senso, o popular quixo trasladar unha mensaxe de prudencia e tranquilidade porque, “se ben estamos diante dunha ameaza real”, “o PXOM de Lugo segue en vigor e non está anulado, polo menos ata que haxa unha sentenza”. Así mesmo, Castiñeira indicou que “atender á paralización implicaría poñer en risco o novo colexio do Sagrado Corazón e iniciativas como a rehabilitación integral dos barrios de A Milagrosa ou A Ponte ou o desenvolvemento dos urbanizables do entorno do HULA.

Por último, indicou que “canto máis tarde o goberno municipal en aprobar o 5% pendente, máis en risco pode estar todo o documento”. Nesa liña, detallou que “coa demora de cinco anos en rematar ese proceso e coa actitude obstaculizadora tanto do goberno anterior como do actual, dificilmente se pode xustificar a excepcionalidade de non ter sometido o PXOM lugués á Avaliación Ambiental Estratéxica” que concedeu o 16 de abril de 2009 a Xunta “estando o goberno bipartito en funcións, xusto dous días antes da toma de posesión de Feijoo”. “Unha excepcionalidade que era para gañar tempo e aquí fíxose todo o contrario”, concluíu.

 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies