Castiñeira acusa á alcaldesa de “intentar blindar” as posibles irregularidades na contratación de persoal

By 8 Xaneiro, 2016Febreiro 4th, 2016Persoal

Jaime Castiñeira anuncia que pedirá a comparecencia plenaria do edil de Persoal, Daniel Piñeiro, para que dea “as explicacións oportunas” sobre a xestión da contratación “que levamos anos denunciando e criticando dende o PP”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, acusou esta mañá en rolda de prensa á alcaldesa de “intentar blindar posibles irregularidades na contratación.

Deste xeito, Castiñeira insistía nas reiteradas denuncias que ten realizado ao longo dos últimos anos o Grupo Municipal do Partido Popular en relación ás irregularidades na contratación municipal, “que transcederon o terreo político e entraron tamén no xudicial”, en alusión a casos como a conversa telefónica na que membros do goberno socialista se comprometían a intermediar para o acceso de persoas afíns a diversas empresas privadas que traballan para o Concello.

Nesa liña, o voceiro popular anunciou que o seu grupo vén de pedir a comparecencia do edil socialista de Persoal, Daniel Piñeiro, para que “informe e dea todas as explicacións oportunas, porque o que non pode ocorrer é que todos os lucenses nos espertemos cun titular como que O Concello de Lugo creou 100 postos de traballo a dedo dende o ano 2006”. Deste xeito, e tendo en conta que o actual goberno pretende regularizar coa nova RPT, o popular aseverou que “dá a impresión de que a alcaldesa quere consolidar e persevera nas prácticas caciquís de xestión de cercanías que presumiran de patentar Orozco e Liñares”. “Quen foi a segunda da lista non pode desentenderse do que fixo o seu número un”, advertiu Castiñeira, ao tempo que animou ao concelleiro socialista a comparecer “xa no pleno do 28 de xaneiro, sen agardar ao de finais de febreiro, porque é unha cuestión que ten a gravidade suficiente como para que canto antes se esclarezan todas estas sospeitas”. “Parece que a alcaldesa veu dende a Deputación para perfeccionar ese caciquismo moderno que inventaran aquí Orozco e Liñares”, ironizou o popular.

Así mesmo, Castiñeira corresponsabilizou do “dano” que supoñen estas prácticas aos grupos políticos que apoiaron a investidura da alcaldesa. “Cando Lugonovo e o BNG lle deron o seu voto estaban avalando e defendendo este tipo de contratacións porque naquel momento xa eran públicas e coñecidas”, polo que “é obvio que tamén son corresponsables a ollos da cidadanía luguesa”.

Por último, o popular salientou que “as irregularidades na contratación non só atentan contra a credibilidade e a imaxe, tanto de toda a institución como do resto de funcionarios, senón que tamén vulneran dereitos constitucionais no acceso a estes postos, que debera estar baseado na transparencia, igualdade, mérito e capacidade”. “Cada día que pasa queda máis patente que o actual goberno é unha copia mala do anterior e que a alcaldesa non quere dar a cara nos temas relevantes para a cidade, como tampouco o fixo co PXOM”, concluíu.

Leave a Reply

eleven + eight =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies