O PP ve “inquietante” a comparecencia de Manuel Núñez

By 31 Maio, 2016 Educación

 O voceiro popular Jaime Castiñeira asegura que “os lugueses temos motivos para estar preocupados”, posto que “en ningún momento o PSOE foi quen de garantir que se continuará a prestar o servizo de comedores escolares no vindeiro curso”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira afirma que a comparecencia desta mañá do edil de Educación, Manuel Núñez, “é profundamente inquietante”, posto que “en ningún momento da súa declaración foi quen de garantir que o servizo de comedores escolares se continuará a prestar nos colexios públicos da cidade nos que viña ocupándose desta xestión o Concello ao longo do vindeiro curso”.

“É normal que todos os membros da comunidade educativa e o conxunto dos lugueses esteamos preocupados, porque igual que o socialista non foi capaz de aclarar o que pasou e o que está a pasar, tampouco asegurou que a partir de setembro estes centros vaian seguir con este servizo”, destaca Jaime Castiñeira, “o que dende todos os grupos da oposición estamos a reclamar que se manteña”

Así mesmo, o voceiro popular insiste en que “numerosos documentos, como actas de pleno e do Consello Escolar Municipal, escritos oficiais asinados por concelleiros socialistas, impresos de inscrición que a día de hoxe seguen nas webs dalgún centro da cidade, o programa electoral do PSdeG do 2011 e do 2015 ata recortes de prensa, pasando por los comunicados do Concello da web municipal, avalan que era a administración municipal quen se encargaba da xestión dos comedores escolares”, polo que “non cabe na cabeza de ninguén que en lugar de realizar unha mínima autocrítica, o edil de Educación se limitara a despexar balóns fóra, en lugar de asumir responsabilidades e dar explicacións que tranquilizasen á cidadanía”.

“O mínimo que cabe esixir diante dunha situación deste tipo é unha actitude sincera e de humildade, en lugar de comportarse como un elefante nunha cacharrería, que foi o que vimos no pleno desta mañá”, opina Jaime Castiñeira, se ben recoñece que “a arrogancia dese edil é a mesma, con independencia de que se fale dos límites territoriais da parroquia de Curutelo ou dos comedores escolares”. “Ten unha capacidade ilimitada de dicir unha cousa e a contraria en dous minutos e non poñerse colorado”, asevera o popular.

Por último, o voceiro popular ironiza con que “a verdadeira preocupación deste goberno non foi nunca a conciliación familiar senón a conciliación de intereses coas empresas para esa xestión de cercanías que patentaron Orozco e Liñares”. “Externalizaron compulsivamente servizos sen ter reparo ningún en que ducias de firmas privadas sigan traballando para o Concello de Lugo sen ningún respaldo contractual en vigor”, conclúe. 

Responder

3 × one =