O PP pide que estude a posibilidade de ampliar horarios de carga e descarga no casco histórico ante os novos servizos de reparto a domicilio

By 22 Xuño, 2020 Tráfico

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que no casco histórico hai uns horarios especiais para os servizos de carga e descarga (de 8:00 a 12:00 e de 15:00 a 17:00 horas), uns horarios que non son acordes ás novas necesidades de reparto de comida a domicilio, necesidades que non existían no momento no que se aprobou a ordenanza


O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explica que nos últimos tempos apareceron novas modalidades de reparto que non se recollen na ordenanza municipal de circulación, polo que pide un estudo da mesma para poder adaptala ás novas realidades coas que convivimos.

Antonio Ameijide refírese aos servizos de reparto de comida a domicilio, que nos últimos meses teñen máis demanda entre os lucenses, pero que ven como, nalgúns casos, teñen problemas á hora de facer repartos ou recoller pedidos dentro do casco histórico. Por iso, é preciso unha reforma puntual deste aspecto para poder dar cobertura aos traballadores deste tipo de reparto e aos locais de hostalería.

Moitos dos servizos de comida a domicilio se realizan en bicicleta, polo que as persoas que empregan estes medios non teñen maiores problemas, pero hai outros repartidores que teñen que empregar un coche ou moto, polo que é preciso “dar opcións” a todos os repartidores.

A normativa municipal actual, que data do ano 2013, e recolle que no casco histórico ao ser unha zona de circulación restrinxida conta cunha serie de peculiaridades propias para facer as tarefas de carga e descarga. Deste xeito, o artigo 65.1 da ordenanza municipal de circulación recolle que “o horario xenérico da carga e descarga no interior do recinto histórico (zonas peonís) será das 8:00 ás 12:00 horas e das 15:00 ás 17:00 horas. En todo caso, as operacións de carga e descarga estarán finalizadas ás 12:00 e 17:00 horas, respectivamente”.

Ante esta situación, Ameijide explica que os tempos cambiaron e os repartos de comidas a domicilio realízanse nuns horarios diferentes aos da carga e descarga que todos coñecemos polo que o goberno local debería de estudar unha modificación ou aplicar unha excepcionalidade aos repartidores deste tipo de servizo. “Hai que adaptarse ás novas realidades polo que o goberno local debería de estudar a posibilidade de habilitar un permiso de acceso a este tipo de repartidores para facilitar o seu traballo”, afirmou.

O concelleiro popular aproveita a ocasión para recordar que en 2016 o pleno do Concello de Lugo aprobou, a iniciativa do PP, un plan de tráfico para o centro da cidade que recollía, entre outras medidas, estudar detidamente as zonas delimitadas para a carga e descarga e a necesidade ou posibilidade de aumentar o seu número e as ubicacións para facilitar estas tarefas, algo que axudaría a reducir o tempo necesario de parada dentro dos horarios establecidos. “Unha remodelación da circulación dentro do casco histórico, que agora volve a ser moi necesaria, tralo anuncio do goberno local de acometer de inmediato a peonalización de Quiroga Ballesteros”, sinalou.

Ademais, ao haber máis zonas de carga e descarga, a distancia entre os vehículos e os locais de hostalería será menor, polo que o reparto será moito máis áxil e cun menor tempo de estadía dos vehículos nestas zonas habilitadas, polo que tamén se contribuirá a minimizar as aglomeracións de vehículos.

Responder

twelve − 6 =