Sen categoríaZona ORA

O PP pide a comparecencia do voceiro do goberno pola inacción da ORA

By 24 Xullo, 2016Xullo 26th, 2016Sin comentarios

Antonio Ameijide advirte a alcaldesa de que “a paciencia dos lugueses, por máis que a intente estirar a alcaldesa, non é infinita” e “quen máis quen menos, todos empezamos a decatarnos de que non ten vocación nin vontade de gobernar”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, anunciou esta mañá en rolda de prensa que solicitará a comparecencia do voceiro do goberno socialista, Miguel Fernández, diante da “absoluta inacción ao longo do último ano” coa xestión da zona ORA, cuxo anuncio de suspensión cumpre mañá un ano.

Ameijide, que puntualizou que “aínda que a comparecencia debería ser da alcaldesa, o regulamento do pleno impide que o rexedor se someta a este mecanismo”, detallou que “existen sobrados motivos para pedir explicacións”: primeiro, o reiterado incumprimento dos acordos plenarios nos que se instaba ao goberno a municipalización do servizo; segundo, a incapacidade de restaurar o servizo “no prazo de oito meses que a propia alcaldesa se impuxo e que dende o PP xa dixemos que era absolutamente inviable”; e, terceiro, a incertidume que cerca o contrato.

Nese senso, o vicevoceiro popular detallou que “un ano despois” nin sequera se realizou a liquidación do contrato, “de modo que nin sequera sabemos a quen pertencen equipos como os parquímetros”, ao tempo que destacou que “a parálise dos socialistas coa zona azul pode acabar repercutindo nas arcas municipais tamén en materia de persoal”. “Cónstanos que hai traballadores que pensan denunciar ao Concello e, chegado ese caso, haberá que ver en que responsabilidades ten incorrido a alcaldesa, quen  probablemente nos aboque a un problema xudicial con persoas coas que non deberiamos ter nada que ver”, matizou.

Así mesmo, Ameijide lembrou que “non houbo nin un só paso dende o 4 de xaneiro de 2016, data na que se celebrou a última Comisión para a municipalización da ORA”. Ante esta situación, “confírmase o que tantas veces dixemos: o novo goberno veu blindar e perfeccionar as prácticas de Orozco e Liñares, xa que houbo un cambio de nomes e de caras, pero non de actitudes”. “É máis, moito nos tememos que, de seguir este ritmo, a alcaldesa, que enfila xa o seu segundo verán á fronte do Concello, remate o seu mandato sen dar alternativa nin solución ningunha a unha situación que ela xerou polo seu afán de protagonismo”, aseverou.

Réplica a Lugonovo.-

Por outra banda, Ameijide tamén se referiu á proposta do voceiro de Lugonovo de reservar postos para os traballadores da ORA na plantilla municipal. A ese respecto, dixo que “é curioso que a preocupación do señor Fernández Rocha coincida ao milímetro coas de Orozco e Liñares, que ben sabemos todos cales eran porque eles mesmos o recoñeceron e polas conversas telefónicas que saíron á luz coa Operación Pokémon”.

Deste xeito, Ameijide pediulle “un pouco de seriedade e rigor, xa que, por máis que se empeñe en ser muleta do goberno local, os veciños de Lugo merecen que a postura da terceira forza política teña unha mínima sensatez e coherencia”. Así, incidiu en que “o primeiro que teremos que decidir é que modelo queremos e, a partir de aí, ver canta xente necesitamos”, porque “do contrario, dá a impresión de que a Lugonovo, igual que ao PSOE, o que máis lle interesa é crear postos de traballo pola porta de atrás”. “Dende o PP dixémolo mil veces: queremos un sistema de control gratuíto, de zonas limitadas e xestionado dende o Concello, sen necesidade de ampliar a plantilla”, concluíu o vicevoceiro popular.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies