O PP desvela que a nova empresa que xestiona o Antonio Gandoy non cumpriu coas súas obrigas contractuais no primeiro día de servizo

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo esixe ao bigoberno un maior control das empresas que prestan servizos para o Concello de Lugo xa que a empresa que comezou a xestionar hoxe o centro de día municipal Antonio Gandoy non prestou o servizo de transporte, polo que so puideron acudir ao centro aqueles usuarios aos que levaron os seus familiares

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, critica a actitude do bigoberno local, que nin se preocupa por que se cumpran os poucos contratos municipais en vigor, xa que a empresa que hoxe comezaba a xestionar o centro de día municipal Antonio Gandoy non cumpriu coas condicións pactadas nos pliegos de contratación.

Ramón Carballo sinala que esta mañá, cando os traballadores chegaron ao seu posto de traballo, comprobaron como a empresa non puxera en funcionamento o servizo de transporte, polo que aqueles usuarios aos que os seus familiares non puideron levar ao centro non tiveron máis remedio que quedar nas súas casas. “Falamos dun serio contratempo para todos os usuarios e os seus familiares, pero tamén dun incumprimento do contrato, xa que todos os servizos teñen que funcionar dende o primeiro día”, sinalou.

Pero ademais deste, hoxe houbo outra serie de incumprimentos do contrato. Os traballadores non tiveron os uniformes para prestar o seu servizo, non tiñan a disposicións os equipos informáticos necesarios para o seu traballo diario e, o máis grave, a nova empresa concesionaria non respectou as condicións laborais que os traballadores xa tiñan consolidadas. “Falamos dunha serie de incumprimentos grave que se dan xa no primeiro día sen que o bigoberno faga algo para garantir os dereitos dos traballadores e dos usuarios do centro”, afirmou.

Unha situación que se engade á que xa viviron os traballadores nos últimos meses, xa que sufriron varios meses de impagos dos seus salarios, que non se respectaron as peticións de material realizadas polos traballadores ou problemas no servizo de transporte.

Por iso mesmo, Ramón Carballo anuncia que dende o seu grupo se presentarán preguntas ante a comisión correspondente para coñecer os motivos destes problemas e a que se debe a falta de tutela por parte do bigoberno para garantir que a nova empresa adxudicataria cumpría dende o primeiro día con todas as súas obrigas.

Responder

17 + 2 =