O PP critica que o bigoberno fraccione facturas de compra de subministro para a caldeira de biomasa de Frigsa eludindo realizar un contrato maior

By 1 Xaneiro, 2020 Economía, Transparencia

O concelleiro popular Antonio Ameijide desvelou que “en 15 meses os lucenses pagamos 123.062€ por un subministro a unha única empresa, a que escolleu o bigoberno, e pregunta “os motivos polos que incumpren, de xeito flagrante a lei de contratos do sector público, e non se unifica e publicita a compra para dar oportunidade a outras empresas e conseguir o mellor prezo”

O vicevoceiro do Grupo Popular Antonio Ameijide denuncia unha mala praxe do bigoberno que está fraccionando un contrato de compra de subministro que, polo importe que suma, debería sacarse a concurso público como contrato maior.

Antonio Ameijide explica que as facturas dos últimos 15 meses para a adquisición de pellets para a caldeira de biomasa que abastece os edificios da zona da antiga Frigsa (tanto os deportivos, como MIHL, auditorio Gustavo Freire ou biblioteca municipal) é duns 125.000 euros. “Estamos falando dunha cantidade importante que supera, con creces, o umbral de 15.000 € que se contempla para os contratos menores polo que está eludindo unificar e publicitar esta oferta para que outras empresas participen e se consigan unhas condicións máis vantaxosas”.

O popular manifestou que o fraccionamento de contratos é unha práctica abusiva e pide explicacións a PSOE e BNG das razóns polas que non se publicitou para invitar a outras empresas “saltáronse á toreira a lei de contratos do sector público preguntándose por que se fracciona de forma constante a compra deste subministro, así como, porque non saca un contrato grande que sexa máis beneficioso para os lucenses”.

Ameijide manifestou que o que ocorreu con esta compra de pellets supón unha práctica abusiva para evitar a obriga de publicitalos dando a oportunidade de presentarse a máis empresas incumprindo a Lei de contratos do sector público que no seu artigo 99 indica que non poderá fraccionarse un contrato coa finalidade de diminuír a contía do mesmo e eludir así os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que correspondan”.

Antonio Ameijide lembrou que o Partido Popular é partidario de crear un rexistro de empresas de Lugo co obxecto de que podan participar nos concursos negociados onde o Concello contrate obras por un importe inferior a 40.000 euros ou servizos e subministros por menos de 15.000 euros. Ameijide criticou que, actualmente, “é frecuente que nos procesos negociados non se inviten a empresas de Lugo a pesar de que hai emprendedores capacitados para executar estes traballos”.
O goberno municipal practica o sectarismo tamén na tramitación de contratos municipais invitando só aos que eles deciden.

Responder

5 − 2 =