Castiñeira: “a alcaldesa está empeñada en que Vendex siga ocupándose da ORA”

By 11 Decembro, 2015 Zona ORA

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, subliña que “a alcaldesa busca o sistema que sexa para que unha empresa acusada de sobornar políticos a cambio de servizos como o da ORA de Lugo siga xestionando a zona azul”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “a alcaldesa está empeñada en que Vendex siga ocupándose da ORA”.

Tras a celebración dunha comisión específica para a municipalización do servizo, o popular asegurou que “a conclusión é clara: a alcaldesa busca o sistema que sexa para que Vendex continúe claramente recadando na zona azul de Lugo”. Nesa liña, Castiñeira afondou en que “de maneira directa ou indirecta, a súa intención é evidente: devolverlle a unha empresa acusada de sobornar políticos e na que membros do goberno municipal recoñeceron ter mediado para a contratación de persoal a xestión da ORA”. “En resumo, o novo goberno continúa plegado a Vendex, igual que o estaba o anterior, polo que penso que nos deben unha explicación a todos os lucenses”, destacou o voceiro popular.

Así mesmo, Jaime Castiñeira criticou que “a alcaldesa se desentenda das advertencias dos técnicos en relación ao novo contrato que pretende facer para a ORA”, xa que “aínda que o goberno presuma de que vai ser puntual e temporal por un ano e medio ou dous, o propio xefe de contratación a advertiu de que non se pode estipular un período de amortización das máquinas tan curto, xa que no anterior contrato era de oito anos”. “A única empresa que podería cumprir estas condicións é Vendex porque xa ten os equipos instalados e pagados por todos os lucenses”, reiterou. Ademais, denunciou que “o máximo interese dos socialistas era que os técnicos abandonasen a comisión, precisamente porque sabían que non existen razóns obxectivas e técnicas que avalen este paso atrás”.

Falta de liquidación.-

Por outra banda, o popular tamén censurou que os socialistas aínda non teñan ofrecido datos pola liquidación do contrato. “O primeiro que ten que facer o Concello é ese trámite para, a partir del, saber o que nos debe do anterior contrato esta empresa e o que temos de propiedade municipal”, puntualizou, ao tempo que cualificou de “irresponsabilidade total e absoluta” a “despreocupación” que amosou “ao longo destes seis meses” o novo goberno a respecto desta cuestión. Nese senso, anunciou que pedirá acceso á liquidación e ao expediente de liquidación, “se é que existe, que moito nos tememos que non”.

Por último, Castiñeira destacou que “o que non pode ser é que 100.000 lugueses esteamos sometidos a solucionar o problema de 15 persoas que se foron ao paro – en referencia aos traballadores da ORA – por unha nefasta xestión tanto do anterior como do actual goberno municipal”. “Por moitas presións que haxa, e por moitos medios polos que nolas fagan chegar, nós non imos ceder”, sentenciou Castiñeira, quen lembrou que “o noso modelo está claro: un sistema de regulación gratuíto, controlado polo Concello e só naquelas zonas onde sexa estritamente necesario”.