
O Partido Popular pregunta como o goberno local pode inaugurar e aplaudir unha actividade lúdica organizada por unha asociación veciñal e, poucos días despois, decretar a súa suspensión, tal e como trascendeu trala publicación dun decreto asinado por Rubén Arroxo.
Cómpre lembrar que o pasado 12 de decembro os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego visitaron a pista de xeo da Milagrosa, trasladando unha mensaxe pública de apoio á iniciativa e dando a entender que todo estaba en orde.
Unha vez máis, vemos como unha actividade organizada con ilusión por unha entidade veciñal acaba atopándose con trabas administrativas difíciles de entender. Dende o PP defendemos sen matices a seguridade e todos aqueles mecanismos que sexan necesarios para salvagardala, pero tamén consideramos imprescindible que a administración local actúe con empatía e ofreza facilidades para que os veciños poidan desenvolver actividades positivas nos barrios. Moitas veces, estas entidades están a realizar un traballo que suple —ou que mesmo é competencia— do propio concello.
Esta situación non é illada. Hai meses asistíamos ás reivindicacións das comisións de festas, que reclamaban unha administración máis empática e, sobre todo, certezas claras nas instrucións e nos requirimentos, xa que en moitos casos nin sequera se coñecían con exactitude os requisitos que debían cumprir. Como xa dixemos daquela, “é perfectamente compatible ser unha administración colaboradora coa organización de actividades seguras”.
Dende o PP insistimos en que a seguridade non debe poñerse nunca en cuestión, pero tampouco se pode tirar por terra o traballo, o esforzo e a ilusión das entidades veciñais que dinamizan os barrios e contribúen á vida social da cidade. Unha administración próxima debe acompañar, orientar e facilitar, non xerar incertezas.
