O Grupo Municipal do Partido Popular denunciou hoxe que o goberno local do PSOE e BNG realizou unha transferencia de crédito de 15.000 € prevista inicialmente para gastos de persoal para financiar a firma dun convenio. Desde o PP subliñan que non se opoñen á iniciativa, pero sinalan que esta partida xa debía estar prevista no orzamento.
A concelleira popular Mar Carballas explicou que “non é a primeira vez que vemos como desvían fondos de persoal a outros gastos, polo que os orzamentos anunciados non se axustan á realidade, son unha mentira”.
O PP denuncia que, mentres o PSOE xa non actúa como “obreiro” e o BNG mantense de perfil, os problemas reais dos empregados municipais non se resolven: horas pendentes de pagamento, privatización de servizos e falta de garantías laborais que poñen en risco a estabilidade orzamentaria do Concello.
“Esta decisión amosa a falta de previsión e planificación do goberno local, con repercusión directa sobre os traballadores e traballadoras municipais”, engade o Grupo Popular, que alerta de que a práctica reiterada de desviar fondos evidencia un desprezo polos servizos públicos que o goberno presume defender.