
O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo solicita ao Goberno local que impulse de maneira inmediata a elaboración dun Plan de Igualdade para o persoal municipal, unha ferramenta obrigatoria e imprescindible para garantir a igualdade real dentro da administración local.
Desde o PP de Lugo sinalan que a ausencia deste plan impide analizar e corrixir situacións de desigualdade que se veñen producindo desde hai tempo, especialmente nos servizos máis feminizados do Concello, como os Servizos Sociais onde hai persoal que presta servizo cunha xornada reducida ao 66 % , o centro Gregorio Sanz e a sobrecarga de traballo das educadoras e falta de conciliación así como a denegación de permisos debido a non cobertura de vacante despois dun ano, os Pisos de Acollida e non menos importantes os postos de atención ó público, penalizados pola presencialidade e a sobrecarga emocional.
Os populares consideran necesario reflexionar sobre o impacto que este tipo de organización do traballo ten, maioritariamente, sobre mulleres, tanto desde o punto de vista das condicións laborais como das oportunidades profesionais e retributivas. Unha administración que presume de políticas de igualdade non pode ignorar que as maiores cargas de precariedade se concentren precisamente nos ámbitos máis feminizados.
O PP lembra que un Plan de Igualdade debe partir dun diagnóstico rigoroso da situación do persoal municipal, analizando cuestións como as xornadas e horarios, a conciliación da vida laboral e familiar, as sobrecargas de traballo ou a promoción profesional, co obxectivo de adoptar medidas correctoras eficaces e xustas.
Neste sentido, o Grupo Popular aposta por un proceso serio, dotado económicamente e negociado coa representación do persoal, que permita mellorar as condicións laborais e garantir que a igualdade que se defende de palabra se traduza tamén en feitos dentro do propio Concello.
Por todo iso, o PP de Lugo insta ao Goberno local a asumir esta responsabilidade e a iniciar canto antes os traballos necesarios para dotar ao Concello dun Plan de Igualdade que teña en conta a realidade dos servizos municipais e, especialmente, a situación do persoal que desenvolve o seu labor nos ámbitos máis feminizados
