Sen categoría

O PP propón unha solución ambiciosa e realista para conectar a nova Intermodal co centro histórico de Lugo

By 13 Maio, 2025Sin comentarios

Un ascensor panorámico e unha pasarela mecánica cubrirán os 28 metros de desnivel entre a nova estación e a Muralla, cun percorrido accesible, cómodo e ben integrado no espazo urbano.

A voceira do Grupo Municipal Popular Elena Candia presentou hoxe unha proposta alternativa, viable e moderna para comunicar o barrio da estación co centro de Lugo e salvar os 28 metros de altura e os 400 metros de distancia que separan a nova estación intermodal da muralla. Trátase dunha proposta pensada para as persoas, que aposta por un urbanismo útil, inclusivo e sen improvisacións.

A intervención combina dous elementos que garanten unha conexión funcional e accesible:

1. Un elevador panorámico, con capacidade para 12 persoas, situado nunha parcela entre os edificios das rúas Alta e Miguel de Cervantes, nas proximidades dunha das saídas da nova estación. Permitirá salvar un primeiro desnivel de 8 metros e facilitar o acceso desde a zona baixa da intermodal cara o centro.

2. Unha pasarela mecánica cuberta, estruturada en cinco tramos de aproximadamente 32 metros cada un, que discorrería paralela á fachada dereita do edificio multiusos da Xunta. En total, o percorrido terá unha lonxitude de 175 metros cunha pendente do 12% ou lixeiramente superior, cumprindo cos criterios de accesibilidade universal.

Este sistema permitirá conectar de forma directa a Rúa Alta con Miguel de Cervantes e coa Ronda da Muralla, resolvendo o desnivel de maneira cómoda e eficiente para toda a cidadanía.

O orzamento estimado para esta actuación ascende a 3,5 millóns de euros, e inclúe tanto a obtención do terreo como a execución completa da obra. Para a súa realización sería necesaria a expropiación de pequenas superficies situadas nas rúas Alta, Miguel de Cervantes, Ronda da Muralla e Castelao, pertencentes a cinco titulares, entre eles a propia administración autonómica.

O vicevoceiro popular, Ramón Carbarcos, foi o encargado de explicar os detalles técnicos do proxecto mentres que a voceira popular, Elena Candia cualificaba esta solución como “un reflexo do modelo do urbanismo que queremos para Lugo: útil e centrado nas persoas”. Con esta intervención, poñemos sobre a mesa unha solución seria, transformadora que permitiría integrar de forma efectiva a nova estación co centro histórico e comercial da cidade, mellorando así a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza dos barrios da Estación, Sagrado Corazón e Paradai.

Os populares tamén explicaron que esta actuación podería financiarse a través dos fondos europeos da Estratexia EDUSI-Lugo. Dentro dos 20 millóns aos que opta a cidade para proxectos de rexeneración urbana, existe unha partida específica de 5,2 millóns de euros destinada a actuacións de accesibilidade, polo que esta proposta encaixa perfectamente nos criterios establecidos.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies