
O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao próximo Pleno
unha proposta para que o Concello de Lugo cree un rexistro municipal
voluntario e confidencial de persoas electrodependentes, co obxectivo de
garantir atención prioritaria en situacións de risco como cortes de luz ou
fenómenos meteorolóxicos adversos.
Estas persoas, que dependen de dispositivos como respiradores,
concentradores de osíxeno ou equipos de diálise domiciliaria, atópanse en
risco vital ante calquera interrupción no subministro eléctrico. Por iso, desde
o PP propoñemos tamén a elaboración dun protocolo de actuación municipal
que integre servizos sociais, Protección Civil, emerxencias e compañías
subministradoras, para actuar de forma coordinada e eficaz en caso de
emerxencia.
A iniciativa complétase cunha proposta para desenvolver unha campaña de
información e sensibilización, en colaboración con centros de saúde,
entidades sociais e asociacións de pacientes, que facilite a inscrición no
rexistro e chegue ás persoas que máis o necesitan.
Trátase dunha medida preventiva e de xustiza social, que reforza a
capacidade de resposta do Concello e pode marcar a diferenza entre a vida
e a morte en situacións críticas