
• Despois de que o goberno local actuara de forma improvisada, con pouco traballo e a golpe de reacción polas propostas do Partido Popular presentamos un rogo a pleno para modernizar os dispositivos de máis de 12 anos que se teñen que cambiar en outubro de 2027
• Defendemos a dixitalización fronte á recomendación do goberno local de colocar aparatos analóxicos
O Grupo Municipal do PP reuniuse con representantes de Alufonca, asociación que agrupa profesionais do sector da fontanería, para trasladarlles o contido do rogo que levará ao próximo Pleno sobre a renovación dos contadores de auga.
Houbo coincidencia na necesidade de aproveitar a prórroga estatal que se publicou recentemente para cambiar os dispositivos de máis de 12 anos. A recente Orde ITU/1072/2025 amplía ata o 24 de outubro de 2027 o prazo para renovar ou verificar os contadores.
Esta prórroga abre un periodo de dous anos que o Concello debe aproveitar para planificar con sentido, modernizar o sistema municipal e dar certezas aos veciños.
Con este novo contexto, o PP solicitará no Pleno que o Concello impulse a instalación de contadores dixitais, capaces de ofrecer lectura remota, detección temperá de fugas e unha xestión máis eficiente.
Ademais, no caso de optar por instalar equipos analóxicos, que estes aparellos sexan convertibles e que permitan a lectura en remoto.
Faltaba dirección e faltaba claridade
En setembro, antes da prórroga estatal, o PP solicitou un Pleno extraordinario en setembro porque o prazo inicial para cambiar os contadores remataba en outubro de 2025.
Naquela sesión PSOE e BNG votaron en contra de aclarar que modelos debían instalar os lucenses e que axudas podían recibir. A falta de información clara prexudicaba directamente aos veciños e creaba confusión nun proceso de obrigado cumprimento.
Agora hai tempo… pero cómpre aproveitalo con responsabilidade.
O rogo tamén pide que o Concello habilite bonificacións ou axudas económicas para apoiar ás familias afectadas polo cambio de contador.
Regulación profesional
Durante a reunión, Alufonca expresou a súa preocupación pola falta de regulación desde a desaparición en 2006 do carné profesional de fontanería, que deriva en instrusismo e economía mergullada.
A raíz desta demanda, os senadores do PP comprometéronse a trasladar ao Ministerio a necesidade de recuperar unha acreditación profesional.
