
- Cun investimento de 420.000 €, permitirá crear 84 prazas de aparcadoiro, respondendo á demanda que hai no polígono e, tamén, xerará máis de 26.000 € anuais en ingresos pola produción de enerxía renovable
- A infraestrutura actual do Parque de Enerxías Alternativas, na que se despilfarrou UN MILLÓN DE EUROS e que hoxe está desmantelada, é outro símbolo máis dos proxectos fracasados do PSOE e do BNG pagados con fondos europeos como as Caldas do Miño ou o Carril bici
En agosto de 2025 foi a última vez na que o PP reiterou a necesidade urxente de transformar o parque de enerxías alternativas do Ceao nun aparcadoiro público, atendendo así ás numerosas peticións de traballadores, e empresarios do polígono industrial.
A concelleira do PP Silvia Colmenero explica que esta infraestrutura é outro dos símbolos dos proxectos fracasados e do mal uso dos fondos europeos como son o carril bici sen uso; as Caldas do Miño ou ao edificio Impulso Verde.
Estamos ante “un exemplo máis da longa lista de espazos públicos abandonados aos que o bipartito non é capaz de dar solución”. A popular asegura que aínda que nos orzamentos de 2026 se inclúe unha partida de 450.000 € para ubicar nela unha zona de estacionamento, teme que coma vén ocorrendo con outras propostas do bipartito non se cheguen a materializar.
Este Parque de Enerxías foi inaugurado en 2007 e custounos aos lucenses máis dun millón de euros. No tempo que estivo operativo chegou a consumir máis enerxía da que producía, converténdose nun símbolo do despilfarro e da falta de xestión.
Política útil
A proposta que explicou a concelleira Silvia Colmenero suporía transformar a parcela do antigo parque de enerxías alternativas do Ceao nun aparcadoiro público para vehículos lixeiros con produción de enerxía renovable, un proxecto que permitiría obter máis de 26.000 euros anuais de fluxo neto para as arcas municipais pola venda de excedentes eléctricos e polos puntos de recarga.
A proposta que presentou o PP suporía un investimento de aproximadamente 420.000 euros cos que se habilitaría un aparcadoiro, cunha superficie superior aos 1.000 m² baixo cuberta, contaría con dobre acceso e dous eixes viarios interiores, un bidireccional de seis metros para facilitar as manobras e outro unidireccional. Tamén incorpora iluminación eficiente, arborado e vexetación para harmonizar a zona industrial co entorno natural, minimizar o impacto visual e responder aos novos modelos de mobilidade con criterios de eficiencia e sustentabilidade.
DATOS PROPOSTA
- Unha zona verde próxima ao 50% da superficie para favorecer a integración paisaxística,
- 84 amplas prazas de aparcadoiro público con acceso directo desde as rúas Agricultura e Industria e
- Acceso peonil desde a avenida Benigno Rivera,
- Catro prazas para persoas con mobilidade reducida.
- Tres puntos de recarga para vehículos eléctricos e
- 366 paneis solares de alto rendemento
Esta infraestrutura produciría arredor de 235.000 kWh anuais, enerxía suficiente para realizar preto de 3.900 cargas completas de vehículos eléctricos ao ano.
A popular explicou que a infraestrutura de instalación fotovoltaica amortizaríase en nove anos mesmo sen contar con subvencións. O modelo combina aforro por autoconsumo, ingresos pola venda de excedentes á rede e beneficio polos puntos de recarga, o que permitiría ao Concello obter un fluxo de caixa neto superior aos 26.000 euros anuais, unha vez descontados os custos de mantemento.
