
Antonio Ameijide ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que denunciou a “covardía e hipocrisía” de Arroxo que “á hora de pedir responsabilidades ao Goberno do Estado sempre se pon de perfil”
• Ameijide pregunta a Rubén Arroxo que pensa facer para loitar polas infraestruturas e pola conexión de Lugo: “Cando lle vai servir para algo o BNG aos lucenses porque os únicos logros conseguidos polos nacionalistas foron para beneficiar a Cataluña e ao País Vasco, mentres aplauden os constantes ataques a Galicia e o ninguneo permanente a Lugo”
• O concelleiro popular recorda a Rubén Arroxo que “o Concello de Lugo é o titular” dun treito da N-VI “e o mellor exemplo que podería dar, como responsable de infraestruturas, é solucionar os problemas deste treito da vía, moi semellantes á situación que presenta o treito que reclama ao Ministerio de Transportes”
• Antonio Ameijide pregunta a Arroxo e ao BNG “onde estaban” cando permitiron que Pedro Sánchez “nos quitase” a todos os lucenses 1.100M€ destinados á chegada da alta velocidade a Lugo e meteu nun caixón os proxectos das autovías a Ourense (A-56), a que conectará Ponferrada con Monforte (A-76) ou a autovía da Mariña (A-74)
• O popular afirma que “a realidade demostra que Rubén Arroxo e o BNG nas institucións defenden a un goberno de corruptos ao non reclamar as infraestruturas que merecemos os lucenses, así como seguir amparando a Pedro Sánchez ao non esixir eleccións xerais ante o maior escándalo de corrupción dun goberno de España”
• “Cando toca elixir entre Galicia ou Lugo e Pedro Sánchez, no BNG teñen claro que a súa prioridade é Pedro Sánchez”
Venres, 18 de xullo de 2025. “Rubén Arroxo ten a obriga de explicar aos lucenses como pode ser que publicamente reclame melloras en infraestruturas pero á hora da verdade se poña de perfil negándose a demandar melloras ou nin sequera a apoiar as demandas de xeito oficial, e que o BNG siga apoiando o Goberno corrupto de Pedro Sánchez”.
Así o afirmou Antonio Ameijide durante unha rolda de prensa que ofreceu esta mañá despois de ver como Rubén Arroxo reclamaba estes días ao Goberno do Estado o arranxo da N-VI ao seu paso pola cidade, “unha reclamación que fixo ao ter no seu poder un informe que alerta do mal estado desta vía Nacional, pero que non lle impediu votar en contra de reclamar ao Goberno central a mellora das infraestruturas de Lugo”.
Neste contexto, Ameijide recorda a Arroxo que “as reclamacións, cando son xustas, son lícitas, pero non é menos certo que o Concello de Lugo é o titular dunha parte desta vía que esta nas mesmas condicións que a parte do Ministerio de Transportes e non fai nada por solucionar os problemas que presenta”.
O popular reitera que “estamos ante o enésimo exercicio de covardía e hipocrisía política por parte do BNG e de Rubén Arroxo” recordando como “son un dos partidos que seguen a sustentar o Goberno de Pedro Sánchez, o presidente que máis discriminou á provincia de Lugo, ademais de ser o presidente máis corrupto da historia de España e o líder do Goberno central que saqueou o diñeiro das infraestruturas de todos os lucenses”.
Antonio Ameijide preguntou a Rubén Arroxo “onde estaban el e o BNG cando foron cómplices” de que Pedro Sánchez retirase 1.100M€ dos máis de 1.600M€ que había reservados para a chegada do AVE.
“Son responsables de manter no Goberno a quen nos deixou fóra da alta velocidade ferroviaria, a única provincia de Galicia e do entorno sen este servizo”, apuntou.
Ademais, dende o BNG permitiron que o Goberno de Pedro Sánchez “metese nun caixón” proxectos fundamentais como as autovías a Ourense (A-56), a que conectará Ponferrada con Monforte (A-76) ou a autovía da Mariña (A-74) “e agora denuncian publicamente o estado da N-VI, cando sempre que tiveron ocasión de reclamar ao Goberno central do PSOE se puxeron de perfil”.
“Vemos como no BNG, con Rubén Arroxo á fronte, cando teñen que elixir entre os lucenses e Pedro Sánchez, elixen a Pedro Sánchez. Cando teñen que elixir entre reclamar os 1.100M€ que nos quitaron a todos os lucenses e reclamar eleccións xerais, elixen a Pedro Sánchez”, afirmou.
NON APOIAN AS SUAS REIVINDICACIONS NOS PLENOS
O popular critica que esta postura pública dos nacionalistas non se referenda á hora da verdade “cando teñen que levantar a man no pleno” xa que “optan por ir en contra e poñerse de perfil en lugar de apoiar as iniciativas encamiñadas a reclamar ao Goberno de Sánchez as infraestruturas que nos nega aos lucenses”.
O último exemplo desta postura é a moción que defendeu o PP tanto no Concello coma na Deputación de Lugo para esixir ao Goberno do Estado melloras nas infraestruturas ferroviarias na provincia: na Deputación optaron pola abstención, mentres que no Concello de Lugo directamente votaron en contra, “polo tanto a favor da corrupción de Sánchez e de que nos ille dende o Goberno central”.
“Cando teñen que reclamar infraestruturas para Lugo nunca teñen un pronunciamento claro. Optan pola abstención porque non se atreven a reclamar con firmeza o que os lucenses merecemos”, denunciou.
Neste senso, o popular afirmou que “a realidade demostra que Rubén Arroxo defende a un goberno de corruptos ao non reclamar as infraestruturas que merecemos os lucenses, así como seguir amparando a Pedro Sánchez ao non esixir eleccións xerais ante o maior escándalo de corrupción dun goberno de España”.