
- A falta de persoal dificulta a prestación e a calidade do servizo e sobrecarga ao persoal do centro e como consecuencia impide garantir os dereitos laborais dos seus traballadores
- “Falamos dun servizo esencial para moitas familias lucenses e do benestar dos nenos e nenas. O Concello debe actuar con responsabilidade e non deixar que a súa falta de xestión recaia sobre as traballadoras e as familias”
O Partido Popular pediu o apoio da Valedora do Pobo diante da grave situación que se vive na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz, dependente do Concello de Lugo, onde desde outubro de 2024 permanece sen cubrir unha praza de técnico de educación infantil.
Para os populares “a inacción do goberno local está a prexudicar tanto o servizo educativo como os dereitos laborais das traballadoras, que levan máis dun ano soportando unha carga de traballo excesiva pola falta de persoal”.
A praza quedou vacante trala adscrición definitiva dunha técnica a outro servizo municipal, “un feito coñecido polo Concello e perfectamente previsible, pero diante do cal non se adoptou ningunha medida urxente, nin se activaron mecanismos alternativos de cobertura”.
Diante desta situación a única maneira de cumprir as ratios é agrupando as aulas e algo que debería ser excepcional acabou sendo normalizado.
Os populares insisten en que “o Concello ten marxe legal para actuar, pero o problema é a falta de vontade e planificación. Non se pode falar de apoio á conciliación cando se desatienden servizos tan sensibles como o das escolas infantís”.
Por todo isto reclaman que a Valedora do Pobo investigue a situación e se o Concello de Lugo carece de planificación e organización suficiente para evitar que se repitan situacións como esta.
O PP leva meses insistindo na cobertura inmediata desta vacante e que se establezan procedementos de planificación de recursos humanos que garantan a continuidade dos servizos públicos esenciais, especialmente os educativos e de seguridade.
