
O Grupo Municipal do PP presenta unha proposición a pleno que responde a unha dobre necesidade: activar Lugo como destino atractivo para o investimento empresarial e, ao mesmo tempo, corrixir unha situación fiscal inxusta que afecta aos lucenses propietarios de fincas que ata a recente aprobación do 5% do PXOM eran rústicas e agora pasan a ser áreas de expansión de núcleo, sen posibilidade de aproveitamento algún, pero tributando como fincas urbanas.
Cristina Sanz indicou que queremos ser moi claros con isto porque afecta a moitas familias e está a xerar un fondo malestar “por iso solicitamos ao bipartito que mova ficha e apoie a proposta para estudar unha bonificación do IBI para este tipo de parcelas que pasaron de ser rústicas a estar calificadas como urbanas. Este cambio na cualificación supón:
– Un recibo do IBI moito máis alto, como consecuencias do incremento do seu valor por parte do Catastro, así como da aplicación do tipo de IBI de fincas urbanas, que lembremos subiu neste ano un 10% e que en Lugo é o segundo mais alto de Galicia, sen que esas parcelas teñan aínda ningún aproveitamento urbanístico nin servizos
– A segunda, que ao vender ou herdar unha desas fincas, tamén teñen que pagar a plusvalía, como se foran solares urbanos consolidados.
Estamos falando dun cambio feito sen dárlle aos propietarios a opción real de urbanizar polo momento eses terreos, e co único fin da administración local de “recaudar máis impostos”. Non é xusto que o concello se este beneficiando dunha maior recadación a costa duns propietarios que unicamente viron como cambiou o “nome” das súas fincas, pero que nada poden facer con elas. Polo de agora, solo pagar moito máis. “Ogallá que o bigoberno rectifique porque cando o fai acerta”, reflexionaba Cristina Sanz.
Con respecto á solicitude para que Lugo se sume á rede de Concellos Emprendedores, regulada pola Lei 9/2021 de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia a popular indicou que sumarnos a a esta rede suporía:
● Incentivos fiscais para novas empresas
● Menos burocracia e máis axilidade
● Maior puntuación nas axudas da Xunta
● E, sobre todo, unha mensaxe clara: Lugo quere atraer proxectos e crear emprego.
En Galicia hai máis de 150 concellos galegos adheridos ao Doing Business polo que non se entende os motivos polos que Lugo, tendo potencial económico, dispoñibilidade de solo industrial e unha ampla rede empresarial, segue á marxe desta iniciativa.
Sanz puntualizaba que actualmente estamos vendo como empresas que poderían estar aquí están optando por instalarse en concellos limítrofes como Outeiro de Rei, Castro de Rei ou Palas de Rei. Non podemos permitir que Lugo quede atrás e continúe perdendo oportunidades.