EconomíaXestión

O PP insiste en actualizar o convenio co Colexio de Xestores, tras 10 meses sen avances por parte do Concello indicando que “a súa modernización simplificaría trámites e reduciría burocracia”

By 20 Novembro, 2025Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao próximo Pleno unha pregunta para coñecer por que, dez meses despois de aprobarse por unanimidade unha proposta do PP para actualizar o convenio entre o Concello de Lugo e o Colexio de Xestores Administrativos/as, non se deu nin un só paso para poñelo en marcha nin houbo contacto algún con este colectivo profesional.

A concelleira Cristina Sanz lembra que o convenio vixente é do ano 2013 e hoxe só permite a autoliquidación do imposto de circulación, cando os xestores poderían tramitar moitos outros servizos en nome dos cidadáns.

“Foi o propio sector quen nos trasladou a necesidade de ampliar a carteira de servizos, na reunión que celebramos en setembro de 2024, por exemplo para solicitar certificacións de padrón, un trámite moi demandado e no que todos sabemos que o Concello está desbordado”, explicou.

O grupo popular elevou esta demanda ao Pleno o pasado 30 de xaneiro, conseguindo un acordo unánime.

“Porén, dez meses despois, o Goberno local non fixo absolutamente nada. Non hai borrador, non hai reunións, non hai vontade. Son dez meses perdidos nun camiño clave: simplificar a administración e reducir a burocracia”.

O Partido Popular considera que esta actualización do convenio é unha oportunidade para modernizar a tramitación municipal e facilitar a vida a veciños, autónomos e empresas, ademais de reforzar servizos saturados como o padrón.

“A administración debe estar ao servizo do cidadán. E cando gobernemos, non deixaremos perder oportunidades útiles como esta”, concluíu a concelleira.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies