
O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao vindeiro pleno unha pregunta para coñecer cando pensa o alcalde asinar o convenio coa Xunta de Galicia que permita executar a reurbanización da rúa Serra de Meira.
O pasado 14 de outubro de 2025 o rexedor mantivo unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na que o Concello mostrou a súa conformidade co texto do acordo e co proxecto. Sen embargo, meses despois, o convenio segue sen formalizarse.
Desde o PP queremos saber os motivos polos que Miguel Fernández retrasa a firma dun acordo que conta co financiamento garantido ao 100% pola Xunta, cun investimento superior a 1,1 millóns de euros, e que permitirá mellorar e ampliar esta vía fundamental para o barrio e para a cidade.
Non se entende que unha actuación necesaria, con fondos comprometidos e coa previsión de licitarse no primeiro semestre de 2026, continúe paralizada por falta de sinatura.
Os populares reclaman transparencia e axilidade. Lugo non pode permitirse perder oportunidades nin seguir acumulando retrasos en proxectos importantes.
O que preguntará o Grupo Municipal do Partido Popular no pleno é cando vai asinar o alcalde o convenio coa Xunta que permita executar a reurbanización da rúa Serra de Meira e que está retrasando esta actuación.
