Transporte urbano

O transporte urbano necesita mellorar en puntualidade, frecuencias, información e accesibilidade

By 3 Febreiro, 2025No Comments

A concelleira popular Mar Carballas enumerou as principais demandas dos usuarios do transporte urbano de Lugo tal e como consta nas queixas que chegan á comisión de suxestións dividíndoas en catro bloques:

Incumprimento de horarios e impuntualidade: hai liñas con atrasos constantes e incluso autobuses que non chegan a pasar. Moitos usuarios, especialmente estudantes e traballadores, ven afectada a súa rutina diaria pola falta de fiabilidade do servizo.

Problemas de información: a web buslugo.com segue desactualizada, os paneis informativos non funcionan e, en situacións excepcionais como folgas, os usuarios quedan sen avisos claros.

Frecuencias inadecuadas: as liñas non se adaptan ben ás necesidades reais da cidade, sendo necesario axustar os horarios, especialmente nas horas punta, para facilitar a mobilidade.

Accesibilidade e estado do servizo: marquesiñas en mal estado, fallos na flota de autobuses e dificultades para persoas con mobilidade reducida son algunhas das deficiencias que se deberían corrixir.

Autobuses ecolóxicos só de pegatina

O BNG presume de mobilidade sostible, pero a realidade é moi distinta. Presentaron como un gran avance os autobuses híbridos que funcionan con Gas Licuado de Petróleo (GLP), pero a verdade é que non hai infraestrutura para que operen como vehículos ecolóxicos.

Hoxe en día, en Lugo hai 22 autobuses urbanos, dos cales só 5 poden repostar GLP. O caso é que  o depósito que teñen é de apenas 15 litros, cando o consumo diario real de cada autobús está entre 80 e 90 litros.

Ademais, non hai surtidor de GLP na empresa concesionaria, polo que estes autobuses só enchen este depósito cando pasan a ITV. Por tanto estes vehículos funcionan como calquera outro autobús diésel, facendo que a suposta aposta ecolóxica do BNG sexa só propaganda.

A concelleira popular Mar Carballas concluía que “se realmente queren mobilidade ecolóxica, que poñan os medios para facela posible.”

A popular tamén lamentou que nos orzamentos deste 2025 tan só se reserve unha partida de 20.000€  para a posta en servizo do taxi a demanda claramente “insuficiente” e  lembrou que hai servizos públicos como o hospital de Calde que non ten un servizo de autobús.

 

 

Leave a Reply

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies