Sen categoría

O PP denuncia a incapacidade de xestión dun BNG que entrega servizos a empresas privadas e logo desenténdese da súa xestión

By 11 Febreiro, 2026Sin comentarios
  • Os populares puxeron o foco nas reiteradas cancelacións das actividades extraescolares, como as dúas anuladas esta mesma tarde no CEIP de Paradai, que evidencian un problema estrutural e supón problemas de conciliación das familias lucenses

O goberno local de Lugo está a fallar nun dos piares básicos dun goberno que se autoproclama progresista: a conciliación das familias, permitindo que as actividades extraescolares funcionen con improvisación, cancelacións constantes e falta de garantías.

A última mostra desta caótica situación que se leva vivindo dende finais de 2025 produciuse onte no CEIP de Paradai, onde a empresa contratada polo concello cancelou dúas actividades  que tiñan que celebrarse esta mesma tarde por falta de persoal deixando ás familias sen servizo e sen marxe de reacción.

Os populares advirten de que a propia empresa concesionaria recoñece problemas estruturais para cubrir baixas e garantir o monitorado necesario, unha situación que o Goberno local coñece e tolera, sen reforzar os mecanismos de control nin esixir solucións efectivas.

Ata o momento, lembran, a reacción do Concello limitouse a iniciar un procedemento sancionador por presuntos impagos salariais á plantilla, pero sen dar explicacións públicas nin adoptar medidas para asegurar a prestación continua do servizo nin para protexer ás familias afectadas.

O PP lembra que foi grazas ás queixas trasladadas desde o colexio das Gándaras cando se puxo o foco nesta problemática, o que levou ao rexistro dunha batería de preguntas para aclarar desde cando coñecía o Goberno municipal estas incidencias, que controis aplicou e se se pagaron servizos que non se prestaron con normalidade.

Neste contexto, o Grupo Popular anuncia que seguirá recompilando incidencias trasladadas por familias e centros educativos para documentar unha situación que evidencia a distancia entre o relato progresista do Goberno e a realidade que viven os lucenses.

“O PP ten claro o seu modelo: as persoas no centro e a conciliación como prioridade. En Lugo, hoxe, temos un Goberno que fala de políticas sociais mentres deixa ás familias sen servizos básicos”, conclúen.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies