
O Grupo Municipal Popular esixe ao goberno local que dea explicacións claras e inmediatas tras detectarse un novo brote de lexionela nos vestiarios do Parque de Bombeiros de Lugo. Esta situación impide ao persoal utilizar as duchas con normalidade dende mediados de abril. A día de hoxe, só dispoñen de auga fría nas instalacións e tiveron que ser habilitadas dúas duchas no CEI Nodus como medida provisional.
Trátase dun feito grave que require responsabilidade institucional e absoluta transparencia por parte do goberno local. Non é un caso illado, senón que se suma a unha preocupante cadea de incidencias relacionadas coa xestión da auga en instalacións municipais.
En setembro de 2024, as Caldas do Miño tiveron que pechar tras detectarse lexionela nos vestiarios, sendo esta a segunda vez en menos de dous anos. Xa en maio de 2023, se localizara outra bacteria potencialmente infecciosa nos vasos das mesmas instalacións.
A esta lista hai que engadir a recente sanción imposta ao Concello pola deficiente cloración da auga da traída, un episodio igualmente grave e que o executivo local tratou de agochar sen ofrecer ningunha explicación pública.
Por todo isto, o Grupo Popular agarda que no pleno de mañá PSOE e BNG voten a favor da comparecencia solicitada para aclarar esta nova alerta sanitaria. Os lucenses teñen dereito a coñecer o que está a ocorrer coa calidade da auga que utilizan e os riscos derivados dunha mala xestión.
Pagamos máis por un servizo que non mellora e que, ademais, se leva con opacidade. Lugo merece un goberno serio, transparente e capaz. Lugo merece un cambio.