Sen categoría

O PP de Lugo esixe a PSOE e BNG que desbloquee o tapón urbanístico que impide abrir un vial clave da segunda rolda

By 4 Agosto, 2025Sin comentarios

Os populares lembran que un veciño recolleu firmas en 2022 para reclamar a apertura da conexión entre Evaristo Correa Calderón, Serra Gañidoria, Río Lor e Escultor Asorey

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo volve denunciar a parálise absoluta do goberno local do PSOE e do BNG, que mantén bloqueada unha das conexións previstas na segunda rolda da cidade por culpa dun tapón urbanístico que, tras anos de inacción, segue sen solución.

A situación afecta directamente á zona comprendida entre as rúas Evaristo Correa Calderón, Serra Gañidoria, Río Lor e Escultor Asorey, onde a apertura dun novo vial permitiría mellorar a mobilidade, humanizar o espazo e poñer fin ao abandono que sofren os solares do entorno. Non obstante, esa apertura segue sendo imposible mentres o goberno local non derrube o tapón urbanístico que bloquea a zona.

O PP lembra que no ano 2022 un veciño iniciou unha recollida de sinaturas, que contou co apoio de numerosos residentes, para esixir avances nunha obra que leva anos proxectada e para a que xa se dera algún paso, como a expropiación da antiga cociña do Divino Maestro. A pesar diso, o bipartito non fixo nada desde entón.

“O que podería ser unha zona con rúas, beirarrúas, iluminación e servizos, é hoxe un espazo cheo de silvas, ratas e abandono, por culpa da incapacidade de PSOE e BNG para xestionar os problemas reais da cidade”, denuncian os populares.

Desde o grupo municipal do PP pregúntanse cantos anos máis teñen que esperar os veciños para ver aberta esa vía, e cantas firmas máis hai que recoller para que o bipartito escoite á xente e actúe dunha vez.

O PP quere lembrar que durante os sucesivos gobernos de PSOE e BNG apenas se avanzou na solución dos numerosos tapóns urbanísticos que lastran o desenvolvemento urbano de Lugo, mentres que as corporacións dirixidas por alcaldes do Partido Popular demostraron eficacia e compromiso co futuro da cidade, sabendo distinguir entre traballar por Lugo e preocuparse só de saír na foto.

“É hora de que o goberno local se poña a traballar e actúe con responsabilidade. Os veciños merecen solucións, non máis escusas nin máis promesas incumpridas”, conclúen os populares.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies