
Ramón Cabarcos: a veciñanza leva anos esperando algo tan sinxelo como que o Concello cumpra a súa palabra, nós queremos un barrio vivo, habitado e coidado e propoñemos anular as disposicións do plan especial actual (PERI 6) e deseñar un novo modelo urbano para os 87.753 m² desta zona
No pleno municipal de setembro de 2023, en resposta a unha proposición do Grupo Municipal do PP, o goberno local anunciou que “iniciaría a modificación parcial do PXOM respecto á bolsa do barrio do Carme unha vez que entrase en vigor o 5% do PXOM deste Concello”. O PXOM está integramente en vigor dende o 11 de novembro de 2023, pero nada se fixo dende entón.
Un ano despois, no pleno de novembro de 2024, o executivo local volveu prometer que “convocaría proximamente un concurso de ideas para avanzar na rexeneración do barrio do Carme, coa intención de que de aquí a 2027 se acade a rexeneración completa”.
Pasou case outro ano, e a realidade segue igual: non se redactou ningún proxecto nin se convocou o concurso anunciado.
“PSOE e o BNG non teñen palabra. Levan anos prometendo un proxecto que non existe, mentres o barrio continúa paralizado e os veciños sen respostas”, lamentou o vicevoceiro do Grupo Municipal Popular.
Cabarcos explicou que o planeamento vixente para o Carme é inviable e contén contradicións que impiden calquera actuación real.
“O Concello debería recoñecer o erro e abrir un novo marco de planificación adaptado á realidade actual, que combine a protección do patrimonio co dereito dos veciños a rehabilitar e habitar as súas vivendas”, afirmou.
O modelo do PP: un barrio pensado para as persoas
O Partido Popular propón anular as disposicións do plan especial actual (PERI 6) e deseñar un novo modelo urbano para os 87.753 m² do barrio, diferenciando dous ámbitos:
1. Para a edificación consolidada, que permita rehabilitacións integrais baixo criterios de protección e seguridade
2. Para os espazos libres de edificación, onde se poida redistribuir o aproveitamento urbanístico con sentido e equilibrio
En definitiva, o que defende o PP é que os propietarios das vivendas poidan rehabilitalas e que se planifique o futuro desenvolvemento do barrio, devolvéndolle vida e actividade.
Dúas formas moi distintas de traballar
O vicevoceiro popular puxo como exemplo a forma de actuar da Xunta de Galicia, que en xuño anunciou un concurso de ideas para rehabilitar o Pazo de Dona Urraca e hoxe xa entrega os premios cos proxectos seleccionados.
“E fronte a iso, temos un goberno local que dez meses despois de anunciar o concurso de ideas para o Carme non fixo absolutamente nada. Tempo perdido, todo un paripé.”
Cabarcos insistiu en que “hai dúas formas de gobernar: a que avanza e cumpre, e a que promete e paraliza. O PSOE e o BNG volveron demostrar que elixen a segunda.”Esta es la nota pero quiero hacer esta reflexión dura …