Sen categoría

O PP de Lugo denuncia o estado lamentable do campo municipal de béisbol do Ceao

By 18 Marzo, 2026Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo quere denunciar publicamente o estado de abandono no que se atopa o campo municipal de béisbol situado no polígono do Ceao, unha instalación deportiva que, a día de hoxe, non reúne as condicións mínimas de dignidade nin de funcionalidade propias do século XXI.

Na actualidade, o campo carece de servizos básicos como vestiarios e baños, obrigando aos usuarios a desenvolver a súa actividade en condicións claramente precarias. A esta situación súmase o deficiente estado das gradas, que ademais de atoparse deterioradas, non contan con ningún tipo de cuberta que protexa aos asistentes das inclemencias meteorolóxicas.

Outro dos problemas graves detectados é a falta dun almacén onde poder gardar, con seguridade, o equipamento necesario: Algún clube xa sufriu a sustracción das súas pertenzas.

Dende o Grupo Popular advertimos de que esta situación está a impedir o normal desenvolvemento e crecemento dos clubs de béisbol e softball da cidade, que non poden progresar nin atraer novos practicantes debido á carencia dunhas infraestruturas axeitadas.

Neste senso, o concelleiro popular Damián Carballo pregúntase “se realmente é tan elevada a carga económica para o Concello como para non ser capaz de instalar, cando menos, unha cabina sanitaria que permita aos usuarios realizar as súas necesidades cun mínimo de dignidade”. Así mesmo, cuestiona “a que está esperando o Goberno local para dotar esta instalación duns vestiarios acordes ás necesidades dos deportistas”.

O PP de Lugo esixe ao equipo de goberno unha actuación inmediata para dignificar o campo municipal de béisbol do Ceao, garantindo unhas condicións básicas que permitan aos clubs desenvolver a súa actividade con normalidade e fomentando así o deporte na cidade: “En Lugo temos a sorte de poder atopar clubes nos que practicar toda sorte de deportes e por eso, os deportes minoritarios teñen que contar co apoio do concello”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies