
Dende o grupo municipal do PP queremos expresar o noso apoio aos traballadores e traballadoras do servizo de augas
O Grupo Municipal do Partido Popular quere manifestar publicamente o seu apoio ás traballadoras e traballadores do servizo de augas do Concello de Lugo, que están a sufrir unha situación insostible pola falta de medios e de persoal, unha situación que non só afecta ao rendemento do servizo senón tamén á súa saúde.
Un informe da propia xefatura do servizo de augas do Concello alerta dun escenario preocupante que leva arrastrándose dende febreiro de 2023, cando se produciu a primeira das cinco vacantes que, a día de hoxe, seguen sen cubrir. No documento, advírtese do grave impacto que esta falta de persoal está a ter tanto no funcionamento da oficina como na recadación municipal e, sobre todo, na saúde das traballadoras por mor da sobrecarga laboral e do estrés prolongado.
“A carencia de persoal está prexudicando enormemente non só á oficina deste servizo senón tamén á recadación municipal, no rendemento do persoal e na saúde das traballadoras pola sobrecarga de traballo que ocasiona situacións de estrés prolongada no tempo, falta de motivación e concentración”, recóllese no informe.
Desde o PP de Lugo consideramos inaceptable que o Goberno local de PSOE e BNG coñeza esta situación dende febreiro do 2023 e non actúe para solucionala, mentres si adica recursos e axilidade a outras áreas ou servizos nos que se opta sistematicamente pola externalización. Os datos falan por si sós: a día de hoxe existen 39 contratos privatizados no Concello de Lugo que xestionan un total de 33,8 millóns de euros, mentres os servizos públicos municipais afúndense polo abandono institucional.
Esta deixadez non é inocente. Para o PP de Lugo, a falta de cobertura das prazas no servizo de augas pode ser un paso máis cara á privatización encuberta do ciclo da auga no noso municipio. En lugar de reforzar o servizo público, o Goberno local parece máis interesado en facilitar a súa entrega á iniciativa privada.
Esiximos explicacións inmediatas ao Goberno local e a cobertura urxente das prazas vacantes. Non imos permitir que se poña en risco a saúde dos traballadores e a calidade dun servizo esencial para a cidadanía. Lugo merece uns servizos públicos dignos, eficaces e ben xestionados.
#LugoPrecisaUnCambio