
Hoxe vimos un goberno do PSOE e do BNG que empeorou en sensibilidade negando a situación de inseguridade da contorna de Valentino ou votando en contra do Plan da Infancia. Un goberno que renega das prioridades e racha acordos unánimes como o de mellorar infraestruturas (rexeitaron o arranxo da N-540 e impulso da A-56).
Pero o máis preocupante é a alarmante falta de traballo que demostraron os dous partidos que levan gobernando Lugo durante case 26 anos: durante o debate sobre a praia fluvial o alcalde recoñeceu que aínda non se solicitou a autorización para instalar a rampa de acceso ao Miño, a menos de mes e medio de que comece a tempada oficial de baño o 15 de xuño.
Este é o reflexo dun goberno máis centrado nos anuncios que na xestión. Desde o PP seguiremos fiscalizando esta deixadez e propoñendo solucións reais e viables para que Lugo avance.
Pola súa banda, dende o Grupo Popular seguimos traballando con rigor para que o Pleno do Concello se centre en analizar e impulsar os proxectos que realmente importan aos lucenses. Neste sentido, resulta significativa a rectificación do alcalde respecto á ubicación da praia fluvial (en febreiro de 2024 dixo literalmente que falar desa ubicación [os Robles] é tanto como non querer praia fluvial” e agora hoxe afirma xusto o contrario.
Dende o Grupo Popular non compartimos que aproveite unha sesión de pleno para lanzar un reto de acudir a diferentes administración para lograr a praia fluvial nos Robles. Non é unha maneira seria nin responsable de traballar, especialmente cando xa lle tendemos a man noutros asuntos importantes, como a mellora da protectora de animais, onde tamén acabou rectificando.
A praia fluvial require planificación, diálogo e lealdade institucional entre administracións, non desafíos improvisados de cara á galería. O que Lugo precisa non son xestos de cara á foto, senón un goberno que traballe con seriedade e compromiso.