Sen categoría

O PARTIDO POPULAR DENUNCIA O ABANDONO DOS COLEXIOS POR PARTE DO CONCELLO E O BLOQUEO DO COMEDOR EEI FINGOI

By 17 Xullo, 2025Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia a inacción e a irresponsabilidade do goberno local de PSOE e BNG no mantemento dos centros educativos públicos de Lugo. A súa deixadez provocou situacións tan graves como o derrube parcial da cuberta do CEIP As Mercedes, onde tivo que ser a Xunta de Galicia quen actuase de maneira inmediata para substituír 700 metros cadrados de cuberta antes do inicio do vindeiro curso.
Pero o caso da EEI Fingoi II é, para o PP, un exemplo paradigmático do bloqueo político que PSOE e BNG están a exercer sobre un servizo esencial como é o comedor escolar. A pesar de que o centro é de titularidade municipal, o Concello pretende agora que sexa a Xunta quen redacte o proxecto e execute a obra dun comedor definitivo. Con todo, esa obra require tempo e non resolve a necesidade inmediata das familias.
A Xunta non se opón á colaboración, pero propón unha solución inmediata: a instalación dunha aula portátil que funcione como comedor desde o mes de setembro. Para iso, só é necesario que o Concello ceda a parcela para poder instalar esa aula. Pero, a día de hoxe, o goberno local segue sen formalizar esa cesión, bloqueando a solución que podería estar lista en poucas semanas.
O Partido Popular advirte que o goberno de PSOE e BNG está alargando os prazos deliberadamente por rédito político, poñendo en risco a posta en marcha dun servizo esencial para as familias. Mentres botan balóns fóra, impiden unha solución rápida e deixan sen resposta unha demanda urxente de conciliación.
«É un escándalo. O Concello leva anos sen actuar, e cando a Xunta propón unha solución viable e rápida, seguen poñendo paus nas rodas. Mentres PSOE e BNG bloquean a colaboración institucional por intereses políticos, as familias seguen sen comedor escolar. Están xogando coa conciliación e co benestar do alumnado», denuncian os populares.
Desde o PP lembran que a falta de mantemento nos centros públicos non é nova: moitas actuacións, como limpeza de arquetas, arranxo de instalacións, accesibilidade ou reforzo de persoal, levan anos pendentes a pesar das peticións dos equipos directivos. «É unha constante: o Concello nin mantén os centros nin permite que se melloren», afirman.
O Grupo Popular esixe ao goberno local que asuma as súas responsabilidades, actúe con axilidade e deixe de entorpecer as solucións doutras administracións.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies