
O goberno local presenta unhas contas aparentes, pero a realidade é que Lugo ten menos investimento, fai gastos sen cobertura orzamentaria e infla os resultados con ingresos doutros anos. O documento contable que se presentou hoxe na Comisión de contas certifica que houbo menos investimento, máis gasto corrente e falta de control económico.
En primerio lugar existen 5,6 millóns de euros en obrigas pendentes de imputar ao orzamento, que se cifran segundo os datos comunicados pola tesourería en 5.591.665,45€. Por tanto PSOE e BNG “seguen a realizar gastos sen contar coa correspondente consignación orzamentaria.
Artificios contables en lugar de boa xestión
En segundo lugar, Intervención recolle 13,4 millóns en desviacións de financiamento positivas, unha cifra moi superior á de 2023. Pero isto non é sinónimo de mellora: son ingresos correspondentes a proxectos doutros exercicios, como máis de 7 millóns do programa DUSI, que se contabilizan agora aínda que as obrigas xa foran imputadas en anos anteriores.
Menos investimento
Outro dato relevante é a baixada dos investimentos que caeron en 6,4 millóns de euros con respecto ao 2023, pasando de 16,4 a só 10 millóns. Este descenso significa menos obras, menor infraestruturas e menos resposta ás necesidades dos veciños”, explican os populares.
Para a concelleira Mar Carballas “o bipartito presenta unhas contas maquilladas, que dan a impresión de mellora cando a realidade é moi distinta: hai menos investimento, hai gastos que non se reflicten no orzamento e os ingresos que serven para cadrar as cifras proceden de exercicios anteriores”.
“O balance non é dunha boa xestión, é un exercicio de maquillaxe contable que agocha a incapacidade do goberno local para sacar adiante proxectos e investimentos que Lugo precisa”, concluíu.